Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Arte eterno

Novas tallas en pedra contan a historia viva nos montes do Chá de Brión-Doniños

A lenda da moura e a serpe, rescatada coa microtoponimia da zona para un obradoiro que deixa unha pegada eterna

Petroglifo contemporáneo en Campo Redondo coas persoas responsables da súa execución
Petroglifo contemporáneo en Campo Redondo coas persoas responsables da súa execución
Cedida
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
liceo620
MCDONALDS 620X50

Se o fin era facer historia, os Comuneiros dos Montes do Chá de Brión-Doniños conseguírono en todos os sentidos: un obradoiro de iniciación á cantería desenvolvido a finais do pasado mes de outubro deixou unha pegada para eternidade nestas terras, que ademais foi realizada con vontade divulgativa e de preservación da cultura local. Os deseñ­os que calquera pode topar ao dar un paseo están relacionados con microtopónimos da zona, en perigo de caer no esquecemento, do mesmo xeito que ocorre con costumes ou lendas ambientadas neles, que agora están talladas en pedra

A actividade, que foi financiada coas axudas de participación cidadá do Concello de Ferrol, repartiuse en dúas xornadas de oito horas. Seguindo o consello do mestre escultor que veu impartir o curso dende a parroquia vilalbesa de Oleiros, José Luis López Rodríguez, escolléronse cinco rochas relativamente próximas, nas que os participantes elaboraron dous deseños, un de tipo figurativo e outro de letreiro, para pór en práctica desta maneira distintas técnicas.

Entre que o traballo é intenso de por si, e que ningunha das persoas que se puxeron mans á obra durante a fin de semana tiña experiencia no gravado en pedra, estas tamén debían dividirse en parellas para ter a posibilidade de facer descansos. Para non deixar a ninguén fóra, finalmente superáronse as 10 prazas previstas nun inicio pola organización, encabezada por Pablo Alonso Miguel, que traslada o éxito da iniciativa, tanto por parte do mestre canteiro, que valorou unha proposta tan distante do habitual, realizada no monte mesmo, e con tanta proxección de futuro, como dos participantes. Algúns deles xa amosaron o seu interese por repetir, unha actividade que tamén pode resultar útil para o proxecto dos Comuneiros, xa que “hai carteis que poñemos, pero se pudren”, polo que contidos de relieve como os que se plasmaron desta volta poderán quedar rexistrados para a eternidade.

As pedras elixíronse por estar localizadas en lugares que conservan a toponimia, xa que este era o obxectivo principal, e que se situaban á beira do camiño, tanto coa intención de facilitar o traballo do mestre como a que foran visibles polos visitantes. Estes xa non terán dúbida de onde se atopan cos gravados que realizaron dous participantes “na entrada”, que sitúan ao camiñante nos montes do Chá das parroquias Brión e Doniños e ilustran o seu uso comunal cunha versión simplificada do logotipo da entidade, que foi deseñado por Helga Méndez.

Montes de Chá pedra gravada
As pedras nas que se realizaron os gravados son de granito e a da entrada é a que estaba en peor estado para a práctica
Daniel Alexandre

Continuando o camiño chégase ao Campo Redondo, un nome que evoca circularidade, polo que decidiron realizar “unha imitación dun petroglifo que non é moi típico na zona”, como é un labirinto, segundo apuntou Pablo Alonso. Trátase dunha representación “propia da cultura galega” que ademais se relaciona con outro dos gravados máis afastados deste, na que deron en chamar Pena do Canteiro, unha invención con fundamento.

“Non se sabe exactamente en que se usou pero si que se sabe que se sacou moitísima pedra do monte porque hai moitas marcas de canteiros”, sinala Pablo Alonso Miguel, conxecturando que non sería raro que con estas extraccións foran tamén esas marcas de civilizacións antigas recreadas no anterior. Así, xorde este novo topónimo da Pena do Canteiro, unha rocha elixida por ser un dos casos nos que máis se evidencian estes indicios. Co obxectivo de “deixar constancia desa actividade que houbo no pasado” dos montes do Chá, talláronse ferramentas propias deste oficio, “unha maza, un cincel e unha escuadra”.

Do mesmo xeito, volvendo cara atrás atópase o Chao das Pardiñeiras, un topónimo tradicional que identifica o lugar onde habitan os cabalos de Pura Raza Galega, dos que son responsables os Comuneiros do Chá. Estes foron introducidos no mes de decembro do 2022, seguindo o exemplo doutros territorios próximos como O Forgoselo ou A Capelada.

Así, neste punto, o topónimo está acompañado dunha representación destes animais, xa que é “un elemento do que hai agora e tamén do que houbo toda a vida, que a xente tiña no monte cabalos en estado semisalvaxe”, indica Alonso Miguel.

Lenda

Segundo continúa explicando o promotor, unha veciña do Pieiro “recolleu unha lenda que contaba o seu avó dunha moura que se transformaba en serpe”. Con esta historia de transmisión oral “fixemos un panel informativo que aínda está por colocar”, precisamente xunto a pedra que xa ilustra o relato popular, que sería rescatado a través da Asociación Prioriño, e “de boca de Francisco Serantes Pérez (1899-1995)”, tal e como sinala o rótulo, que sitúa a acción no nacemento do río da Cruz, un curso que “morre nunha pequena revolta entre San Cristovo e Cariño”.

Iniciativa

Esta é a primeira vez que propoñen unha formación práctica os Comuneiros do Chá. Dende a entidade si que convocaron outras xornadas de tipo divulgativo, que viñeron da man de distintos profesionais como arqueólogos ou historiadores, que se centraron en diversos temas como as numerosas mámoas que alberga este territorio ou a historia do mesmo, que dende a década de 1960 foi “usurpado”.

A idea de organizar este obradoiro en concreto xurdiu a raíz dunha homenaxe realizada polo Club de Montaña de Ferrol ao Alpinista Abrente, no que saíu o tema dunha fotografía deste grupo, a mediados de 1930, nunha pedra localizada nestas terras, que chamaban o Monte dos Poetas.

A rocha en cuestión tiña pintado un escrito de Antón Vilar Ponte e “cando apareceu esa foto, os do club de montaña e máis xente estiveron buscando esa pedra e ao final atoparon onde estaba”. Así pois, entre algúns membros comentaron que sería unha boa iniciativa a de facer un gravado na mesma, de xeito que perdurase o recordo que fora borrado polo paso do tempo.

Esta colaboración non chegou a termo desta volta por motivos prácticos. Non obstante, tal como apunta Pablo Alonso Miguel, trátase dunha tarefa que queda pendente para futuras formacións, que está claro se convocarán próximamente despois desta experiencia.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620
lacabaña620