Luz Castro | “Nos talleres o alumnado traballa como un pequeno estudio de videoxogos”
Esta fin de semana participan no Píxel á Feira, en Compostela, cinco proxectos creados a partir do máster que coordina esta profesora no Campus Industrial de Ferrol

Píxel á Feira é o primeiro salón galego que se dedica exclusivamente ao videoxogo e celébrase este sábado 8 e domingo 9 no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela, coa participación dun total de cinco proxectos creados por alumnado e estudantado egresado do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, que se imparte no Campus Industrial de Ferrol. Co presente curso van seis anos académicos nos que se inclúe esta formación na oferta e, seguindo resultados como os que volve demostrar agora este evento, xa hai previsión de grandes novidades na titulación para o 2026-27.
Calquera sector precisa actualizarse pero en particular aqueles que dependen da tecnoloxía, tal como exemplifica a coordinadora da titulación, Luz Castro, concretando as transformacións producidas dende que se ofrecen estas clases na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol –EPEF–. En seis anos, cambiaron tanto os programas de software que se utilizan como o hardware, e sobre este último, valora que “o ano pasado houbo que cambiar todos os equipos e grazas ao Campus Industrial temos uns novos marabillosos”.
Polo tanto, o plan de estudos tamén vai parello á actualidade e están previstos cambios “que se poñerán en marcha o próximo curso”, referentes a novas materias como pode ser unha centrada no son para videoxogos. Do mesmo xeito, potenciarase o sistema que posibilita ao estudantado e egresados participar en encontros como Píxel á Feira ou o BCN Game Fest, que este mes premiou unha das propostas que xermolaron en Ferrol, e que consiste en comezar a operar en grupo dun xeito semellante ao que ocorre no eido profesional. “Está funcionando moi ben e queremos darlle máis peso a eses talleres nos que o alumnado traballa como un pequeno estudio de videoxogos”.
Segundo continúa explicando Luz Castro, as empresas nas que os estudantes realizan prácticas obrigatorias dan conta dos bos resultados en canto a súa adaptación ao emprego, trasladando que o que comentan é que “non hai que explicarlles nada e xa se poden poñer a traballar prácticamente desde o primeiro día”.
Elaborando proxectos que serven de Traballo de Fin de Máster adquírese esta soltura pero tamén se da a particulariedade de dispoñer dun produto para lanzar ao mercado por conta propia. Así, dende a escola axudan dende o principio a dar a coñecer as propostas en eventos como Píxel á Feira, que non so contribúen en termos de visibilización senón tamén, entre outros, no testeo por parte da xente, que é “unha das partes máis importantes do proceso”.
Multidisciplina
O alumnado deste máster procede dun amplo abano de graos, permitindo unha diversificación dentro dos grupos de traballo imprescindible: “Para facer un videoxogo necesitas artistas, programadores, deseñadores para que creen estas dinámicas e mecánicas de xogo... o equipo ten que ser multidisciplinar” sinala a coordinadora.























