Castelao e Otero Pedrayo, dous “irmáns” cunha historia da que fala Patricia Arias Cacharrero
A profesora e filóloga especialista no autor ourensán conducirá a sesión, con Ánxeles Seoane e Sonia Mauriz

O Ateneo Ferrolán celebrará este venres 7, ás 19.00 horas, unha xornada que servirá de ponte entre o Ano Castelao, que se conmemora neste 2025, e a dedicación do 2026 a Otero Pedrayo. A relación destes dous escritores e políticos galegos será o centro do encontro, para o que foi convidada a profesora e filóloga Patricia Arias Cacharrero, que se especializou no traballo do ourensán e tivo acceso ás cartas que compartiron ambos, con datos tanto da súa intimidade como do contexto no que vivían.
Esta relatora estará acompañada de dúas mulleres vinculadas á entidade, integrantes da xunta directiva, e ao eido cultural en xeral, Ánxeles Seoane e Sonia Mauriz Pereira. Xuntas na mesma mesa, protagonizarán unha lembranza conxunta dos 75 anos transcorridos dende o pasamento de Castelao e os 50 que están a piques de cumprirse da morte de Otero Pedrayo.
Vínculo
Segundo adianta Patricia Arias Cacharrero, “entre eles tratábanse de irmáns, non era unha relación de sangue pero sempre se quixeron moito”, matizando que esta amizade non fraguou no que podería ter sido o seu primeiro encontro, aínda que non se sabe se houbo outro antes. “Víronse en 1920 en Ourense, nunha exposición de pintura de Castelao, e nese momento non houbo ‘feeling’ entre eles”.
Partindo deste momento, a ponente realizará un percorrido pola traxectoria común destas figuras icónicas da cultura galega, baixo o título de “Dous irmáns: Ramón Otero Pedrayo e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao”.
Foi por casualidade cando coincidiron en Toledo, diante do cadro “El entierro del señor de Orgaz”, que despegou a relación. Pouco despois militan xuntos nas Irmandades da Fala e “nos anos 30 xa son dúas persoas moi recoñecidas en Galicia: ambos son deputados ás Cortes en Madrid”, lembrando así a “primeira vez que os galegos temos representación galeguista”.
Estas conexións deron pé a numerosas viaxes e anécdotas ás que Patricia Arias Cacharrero accedeu por primeira vez a raíz da bolsa da Fundación Otero Pedrayo (1995-1998). Entre toda a documentación, a filóloga destaca unha das primeiras cartas que leu, remitida polo autor rianxeiro, que era o director artístico da revista Nós e lle enviaba uns debuxos para publicalos. A mensaxe quedou gravada no recordo porque, tal como valora dos textos epistolares en xeral, humaniza a eses “grandes nomes que estudamos na literatura e na cultura galega”.
Esta relación durou alén da morte do rianxeiro ao que se dedica o 2025
Do mesmo xeito, pon o exemplo doutro escrito que atopou para este traballo, de Otero Pedrayo a Virginia Pereira cando esta xa era viúva de Castelao e, aínda que foi en agosto, “dille que en Galicia fai moito frío, que espera que moi pronto veñan tempos mellores e brile o sol”, unha forma de encubrir “que está falando da situación política” durante a ditadura.





















