O cancioneiro que comparten Ferrol e Elviña chega á cidade
Despois de darse a coñecer con motivo das Letras Galegas na Coruña, “Por que non hei de cantar?” lévase ao Ateneo

“Por que non hei de cantar?” é unha escolma de cantigas tradicionais galegas recollidas dos territorios onde se asentarían, centos de anos máis tarde, os Campus universitarios de Ferrol, no barrio de Esteiro, e Elviña, na Coruña. Así pois, trátase dunha publicación editada pola Universidade da Coruña –UDC–, con motivo das Letras Galegas deste ano, que convida á presentación deste exemplar o xoves, ás 20.00 horas, na sala de exposicións do terceiro andar do Ateneo Ferrolán.
O acto estará protagonizado polos dous autores da obra: Leticia Eirín, licenciada en Filoloxía Galega pola UDC e doutorada no 2012 cunha liña de investigación centrada na literatura medieval galego-portuguesa, e Xosé Manuel Sánchez Rei, profesor titular da mesma universidade, na área de Filoloxía Galega e Portuguesa, e ademais especializado na gramática galega actual e na linguaxe académica contemporánea.
Da mesma maneira, os dous escritores estarán acompañados no encontro polas vicerreitoras de Divulgación, Cultura e Deporte, María Cristina Naya Riveiro, e de Igualdade e Diversidade, Cristina López Villar, ambas da UDC. Ademais, tamén estará presente a directora do Servizo de Publicacións, Inma Doval Porto.
Exemplar
As Letras Galegas 2025 dedicáronse á poesía popular oral, aínda que se personificaron en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda; Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, estas catro últimas, integrantes das Pandeireteiras de Mens, de Malpica. Polo tanto, este 17 de maio honrouse ás cantareiras en xeral, polo seu papel imprescindíbel para a súa preservación e transmisión, motivaron a publicación deste libro.
Por conseguinte, a través destas páxinas prolóngase no tempo esa homenaxe que se realiza a todas as mulleres que desempeñaron este labor por medio das cantigas, posibilitando que se dea a situación actual con respecto á cultura galega e particularmente á música.
Así mesmo, a UDC toma a iniciativa coa fin de contribuír á difusión dun patrimonio inmaterial “con escasas equivalencias noutras partes de Europa, ao mesmo tempo que reivindica o papel das mulleres na creación e transmisión dese importante legado cultural e literario”.