Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Música

MullerRaíz, cantautora ferrolá: "A voz é unha ferramenta de sanación moi grande para todo o mundo"

Acaba de nacer "Lúa", o primeiro adianto do disco "AmmA", que foi gravado en Caranza e se complementa cun videoclip

Rita Tojeiro Ces
02/11/2025 21:54
A artista, que crea “música menciña”, distancia o “sanador” do “terapéutico”
A artista no Florium Romaría Tribal
Rebeca García (Arteceibe Fotografía)

Co comezo do mes de novembro tamén naceu “Lúa”, que será a “filliña” maior entre os distintos temas que compoñan o disco debut de MullerRaíz, titulado "AmmA". Este é o primeiro dos "fíos de conexión coa Terra que nos habita", tal e como expresa a propia autora, reflexando así a cosmovisión na que se asenta o singular proxecto, que vén de frutificar con esta cantiga.

O termo que pon nome ao disco "é unha palabra de raíz indo-europea do verbo amar: voz doce para chamar á nai", e serve ao mesmo tempo para designar a cada unha das cantigas que o compoñen. "Lúa" é o primeiro "AmmA" en ver a luz e a ela seguiranlle outras sete, todas caracterizadas por un son que a autora cataloga como "música menciña, e nace dunha necesidade de retornar á natureza e comunicarme con ela a través da voz".

Falando de nomes, Vera é MullerRaíz no sentido "de ir ao profundo, ao que nos pasa como seres humanos", cada un coas "súas propias guerras interiores", como resultado dun "proceso de moitos anos" que partiu, precisamente, pola determinación de sanar os seus conflitos particulares.

"Todo comezou como unha automedicación", despois da morte do seu pai, que empezou a somerxerse nos bosques, coa súa cadela Frida como guía, levando consigo a guitarra e a voz para deixarse fluír, compoñer ou musicar as letras que xa tiña escritas, "porque poemas sempre fixen", lembra.

Cando se lanzou a compartir estas artes en círculos pequenos e próximos, recibiu unha resposta tan positiva das persoas que a escoitaban que serviu de motor. Comezou así a súa traxectoria por espazos como, por exemplo, salóns de ioga, ou, en definitiva, "lugares vencellados ao crecemento persoal ou espiritual".

"A voz é unha ferramenta de sanación moi grande para todo o mundo, non só para as cantantes", explica Vera MullerRaíz, poñendo dende o caso "da mamá que canta a un bebé ata xa moitas terapias", que se fundamentan no feito de que "está demostrado que o noso organismo ten unhas frecuencias orixinais que se desequilibran e a través da voz e do son sanadores podemos axudar" a restablecelos.

Quizáis ese poder xa o coñecían, aínda que fora subconscientemente, as antepasadas como "Floriña", a avoa desta artista, que "era unha cantareira" e deixou impregnada na neta tanto o costume como o consello que non se cansaba de repetir: "Canta, miña nena, canta, que quen canta o seu mal espanta".

Os oito "AmmAs" en total "son cantos de reconexión coa natureza, co tecido universal, co que verdadeiramente somos e do que nos afastamos bastante", por iso a primeira que vén de saír trata de "voltar ao noso, aos nosos ciclos naturais".

Nos oito minutos que soa "Lúa" realízase un "chamado á reconcilación, á sororidade entre mulleres, por suposto, ao retorno do noso poder cíclico, á nosa verdadeira natureza", pero "tamén ten unha mensaxe moi profunda de abrazar o femenino e o masculino que nos habita". Así, a artista entende que estas "dúas forzas", que incluso considera "intoxicadas", non se relacionan só coas mulleres e cos homes, respectivamente, unha asociación propia desta "sociedade polarizada".

Debido a toda esta conceptualización, para o videoclip, realizado por Rebeca García, de Arteceibe Fotografía, “ocorréuseme contar coas mulleres que rodean a miña vida e me inspiran”; dende a súa nai, pasando por outras compañeiras que se dedican ao “canto sanador” até as que Vera chama “as miñas nenas de Santa Mariña, que teñen de 70 para arriba de idade”. A través destas “superpoderosas” do barrio ferrolán realiza unha homenaxe ás maiores, “que nos herdan os seus saberes, as súas ganas de vivir e a súa forza”.

Aínda que non saian nas imaxes, esta obra tamén contou coa participación de varios homes “que abrazan e aceptan a nosa ciclicidade”, así como a súa propia, “na súa parte femenina”. Entre estas voces está a de Chechu Salgado, gañador do premio Goya a Mellor Actor Revelación polo seu papel en “Las leyes de la frontera”, unha incorporación que conseguiu a través de amizades comúns e que “foi superpotente porque o tipo entusiasmado colaborou coa súa frase”.

Outras caras da MullerRaíz

Vera formouse en Filosofía e Educación Social, e amais de cantautora é actriz, dinamizadora e CantaContos. Estas outras facetas desenvólveas, por exemplo, en obradoiros como o que impartiu polo Día de Rosalía na biblioteca municipal de Ferrol, que consitiu nun recital das poesías da escritora máis vinculadas coa natureza, tratando de conectar coa súa "parte mística". Así, ofrécese tamén ao público que queira “experimentar, en vez dun xeito ocioso, dende o sanador, que non terapéutico”, aclara.

Enlaces ás redes sociais: Instagram e Facebook.