O campo de concentración galego de “San Simón”, no foco coa visita do seu director ao cine Duplex de Ferrol
Esta proxección con presentación terá lugar este mesmo mércores, coincidindo co día do público

A segunda presentación deste mes no Duplex Cinema terá lugar esta tarde de mércores, día do público, ás 19.30 horas. Miguel Ángel Delgado, director de “San Simón”, o filme que conta a historia da illa galega que fora convertida en campo de concentración, virá falar desta película coa que debuta na longametraxe, e despois da proxección abrirase a posibilidade de facer preguntas ao cineasta.
Despois da estrea no Festival Internacional de Cine de San Sebastián, esta obra, ambientada en outubro do 1936, gañou o premio Calpurnia no Ourense Film Festival. Naquel momento, o réxime franquista creara máis de trescentos campos de concentración por toda España, en espazos tan diversos coma conventos, fábricas, escolas, prazas de touros ou mosteiros.
Entre estes, San Simón destaca pola súa insularidade, onde os prisioneiros sofren a represión e a morte rodeados dunha paisaxe fermosa. Sete anos máis tarde, un preso da illa lembra a historia dos homes e as mulleres que, como el mesmo, pasaron pola mesma experiencia neste pequeno punto de Galicia.
“Gustaríame que o filme abrise un espazo de diálogo que estivo pechado, mesmo institucionalmente. Non trata de dar unha resposta clara de que foi San Simón, senón máis ben expor un lugar, un espazo e recuperar un lugar de memoria”, relata o propio Miguel A. Delgado.