Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Ferrol

Lois Vázquez, alumno de Podoloxía no Campus Industrial: “A formación e a profesión namoráronme desde o primeiro momento”

A especialidade, que só se imparte no Campus ferrolán, segue a ser descoñecida aínda que se están a dar pasos

Lois Vázquez
Lois Vázquez
Cedida

Lois Vázquez –Baiona, 2002– preside a Asociación Galega de Estudantes de Podoloxía –AGEP UDC–, unha especialidade que só se imparte no Campus Industrial e que segue a ser, aínda que se están a dar pasos, descoñecida para o gran público, mesmo para outras disciplinas da rama sanitaria. 

“Váisenos coñecendo”, explica, “porque está demostrado que a forma de mellorar a calidade de vida da xente é a través dun equipo disciplinar: igual que nós derivamos ao fisioterapeuta ou ao médico vascular, é moi importante que estes coñezan as nosas competencias”. Estas abranguen, remarca Vázquez, moito máis que a hixiene ou saneamento do pé –quiropodia–: podoloxía deportiva, xeriatría, pediatría ou neurodesenvolvemento

“Temos os coñecementos para dar un diagnóstico e tratamentos, para aplicar técnicas de fisioterapia e mesmo manipulacións e cirurxías, sempre que teñamos o respaldo axeitado”, apunta antes de engadir outro valor: “Entendemos moi ben a biomecánica, como se move o noso corpo, en concreto o pé, a pisada... En vasculopatías e diabetes está demostrado que incluír un podólogo reduce ata un 85% o risco de amputación”. 

Vázquez, que traballa nas clínicas Guillén –na consulta de Estefanía Guillén Gómez–, asegura que a profesión “me namorou desde o primeiro minuto: é unha satisfacción persoal sentirse útil. É o que quería cando elixín este grao porque descubrín un mundo súper amplo”.