O Campus Industrial de Ferrol, entre o talento e as necesidades da empresa
A Festalent reunirá o xoves en Esteiro a medio cento de empresas, entidades e asociacións de Galicia e o resto de España

Dar a coñecer o amplo catálogo de titulacións que ofrece ao alumnado galego, español e internacional e profundizar na relación co tecido produtivo e as saídas laborais é o obxectivo da Festalent, unha iniciativa do Campus Industrial de Ferrol que, na súa terceira edición, reunirá o vindeiro xoves, día 30, no pavillón municipal de Esteiro a máis de medio cento de empresas, entidades e asociacións procedentes de toda España.
O evento, promovido no marco do programa Impúlsate da UDC durará todo o día, de 10.00 a 14.00 horas en xornada de mañá e de 15.00 a 18.30 pola tarde, momento no que terá lugar, como colofón, unha clase maxistral do CEO e fundador de Productividad Feroz, Miguel Navarro, no salón de actos Concepción Arenal.
Nese obxectivo de captar alumnado vólcase desde hai anos o Campus Industrial, que traballa na renovación da oferta docente, tanto de grao como de máster. A idea é adaptar o catálogo de titulacións ás necesidades reais do tecido empresarial e da contorna laboral, o que conleva un esforzo intenso na comunicación cos axentes socioeconómicos da comarca.
Aberta, diversa e inclusiva
“É importante empezar nas idades temperás para tratar de atraer estudantado, e por iso temos iniciativas como o Campamento Tecnolóxico de Verán, no que os achegamos a disciplinas como robótica, impresión 3D, electrónica ou enxeñaría naval, coa idea de introducir á rapazazada e, sobre todo, ás nenas nas tecnoloxías STEM”, explica a vicerreitora do Campus de Ferrol, Ana Ares.
A feira de formación, engade, é outra vía fundamental nesta política de captación, como tamén o é a asistencia a citas destas características nas que amosar a oferta académica e investigadora. Ares non esquece a importancia da Xornada de Benvida, na que, ademais da oferta, tamén se divulgan o resto dos servizos para o estudantado –cultura, deporte, relacións internacionais, cooperación e voluntariado, programa Afrontemos, UDC Saudable etc.)–, pois, subliña a vicerreitora, “a universidade é máis que estudar”.
A busca de alumnado estranxeiro céntrase en iniciativas como a International Summer School e a Staff Week, abertas a persoal técnico e docente de centros doutros países intersados en coñecer as posibilidades –e tamén as vías de colaboración– “para poder facer intercambios ou establecer títulos conxuntos”.
Ademais, Ares recalca que “a nosa universidade tamén está aberta a alumnado con discapacidade, tanto para o que pode facer un exame de acceso á universidade cunha adaptación –a Oficina de Atención á Diversidade vaille pór todos os medios que necesite– como para o que ten máis dun 33% de discapacidade cognitiva, a través de Espazo Compartido”.
Inserción laboral
A outra liña de traballo diríxese ao tecido produtivo. O director do Campus Industrial, Marcos Míguez, pon como exemplo dese esforzo a Festalent, un evento que “sempre funciona ben porque as empresas poden darse a coñecer, pero non só, como se puidera pensar, ao alumnado de último curso do grao ou de máster, senón tamén ao resto. Traballar esa relación entre a empresa e a universidade é imprescindible”, explica.
“As xornadas de portas abertas son esenciais”, engade o director do Campus Industrial, porque permite amosar en vivo e en directo a oferta académica e a investigación que se desenvolve. Diríxense prioritariamente ao estudantado dos institutos de toda Galicia e tamén ás súas familias.
“Moitas veces mesmo a xente de Ferrol non coñece ben o que se estuda e o que se investiga, e as familias adoitan marchar sorprendidas co que se fai aquí”, apunta Míguez. As xornadas de moda –Future of Fashion Talent–, videoxogos ou o Hackathon con Navantia son outras propostas que afondan nesa aposta por un vínculo entre formación e saídas laborais que reafirman os datos.
Por exemplo, no Campus de Ferrol impártese un grao aberto, en Enxeñaría Industrial, que permite elixir a carreira que vai estudar no segundo curso –Enxeñaría Mecánica, en Tecnoloxías Industriais, Enxeñaría Eléctrica ou Enxeñería Electrónica Industrial e Automática– e tamén o grao en Enxeñaría Eléctrica Dual, o primeiro destas características de todo o sistema universitario galego, que dá a opción de completar o último ano nunha empresa. En 2024/2025 foron Qatro, Sansiga, Enova, Ghenova, Navantia e Norvento.
A taxa de inserción é, ademais, moi elevada. Segundo un estudo realizado hai apenas un par de anos, o 78% do alumnado do grao en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais que rematou os estudos o curso anterior –2021/2022– xa estaba traballando. En Naval e Oceánica é una cifra similar; en Eléctrica sobe ao 80% e en Industrial Automática supera o 84%.
Esa porcentaxe tamén se dá nas titulacións da Escola Universitaria de Deseño Industrial e na Facultade de Ciencias do Traballo, neste caso con datos extraídos máis recentemente –o ano pasado– a porcentaxe de inserción no mercado laboral está por riba do 95% nos 12 primeiros meses tralo remate dos seus estudos. Nas titulacións da Facultade de Enfermaría e Podoloxía, o 95% e o 70%, respectivamente, estaban traballando xusto despois de rematar a carreira.





