Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Espectáculo

Martín Varela | “O que quero crear é un circo máxico galego, iso non o hai”

A evolución do mago e xestor cultural ferrolán abraia: dunha primeira actuación na Alianza Aresana de moi novo até dirixir o seu segundo grande espectáculo, “Reinventio”

Rita Tojeiro Ces
24/10/2025 18:46
Martín Varela é o director artístico do espectáculo que se estreará en decembro, “Reinventio”
Martín Varela é o director artístico do espectáculo que se estreará en decembro, “Reinventio”
Cedida

Manter viva a ilusión pode ser un traballo difícil segundo pasan os anos, pero a través de espectáculos como “Reinventio”, que se estreará en Ferrol no mes de decembro antes de percorrer os principais teatros de Galicia, faise moito máis sinxelo. O seu director artístico, o mago ferrolán Martín Varela, dá boa conta disto tanto a través de propostas coma esta, creando unha atmosfera especial para “que o espectador perda a noción da realidade”, como coa súa propia experiencia, que despegou a gran velocidade dende aquela primeira actuación na vila familiar de Ares cando soamente tiña arredor de dez anos.

Dúas funcións en concreto, “Armas baixo control” do Mago Antón e outra de Juan Tamariz en FIMO, deixaron marcado ao artista para o futuro. Unha vez dado o paso, o debut fora tan ben que tivo que repetir na Alianza Aresana e así foise somerxendo no mundo da maxia, chegando a actuar por un sinfín de escenarios de Ferrolterra, Galicia e incluso polo territorio estatal.

Aínda que maioritariamente é autodidacta neste oficio, a súa paixón incluso o levou a formarse en Madrid, na escola de Ana Tamariz, filla da nomeada lenda do ilusionismo. Pero Martín Varela, que lembra como “a miña primeira conexión, de ilusión verdadeiramente polo mundo do espectáculo, foi co circo” non se quixo limitar e tamén estudou Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela e se especializou en xestión cultural cun máster na de Alcalá.

Durante todo este percorrido, que partiu de interpretar a maxia como algo íntimo que reservaba para o faiado da súa avoa, foi “ampliando a concepción” que ten da disciplina e a día de hoxe “sigo experimentando”.

"Reinventio"

A aventura na que está inmerso o artista orixinouse “a raíz doutro proxecto que está moi vinculado a Ferrol, o festival de maxia Porta Máxica”, que comezou a coordinar no 2018. Nese momento entrou en contacto coa produtora Thinking Up Events e, catro anos despois, estrearon xuntos no Jofre, “probablemente o teatro máis bonito que hai en Galicia”, o espectáculo “Inventio”, no que Martín Varela se ocupou da dirección artística.

Con este mesmo cargo e sen cambiar de produtora, os días 12 e 13 de decembro botará a andar no emblemático escenario local a segunda parte, “Reiventio”, no que “ampliamos a capacidade narrativa, a cohesión e a unión entre as disciplinas”. Así, cando o seu equipo lle pregunta, durante a fase creativa, cal é o seu obxectivo, Varela responde: “o que quero crear é un circo máxico galego, que isto non o hai”.

Polo tanto, a diferenza de “Inventio”, este segundo espectáculo de gran formato aposta aínda máis por esas interseccións entre as distintas artes e, explorando os límites ou a ausencia dos mesmos, fai convivir “as tres disciplinas ao mesmo nivel”.

Maxia, danza e circo, que xa eran os tres ingredientes da “fórmula segreda” de “Inventio”, dilúense aínda máis en escena, a pesar de que a primeira prime por “deformación profesional”, servindo de fío condutor. Mediante esta novo concepto créase “unha experiencia máis única”, sobre todo porque, tal e como concreta o director artístico, non existen moitos exemplos que utilicen estas mesmas proporcións, nin no ámbito estatal nin no internacional.

Para min é un placer volver ter a oportunidade de estrenar en Ferrol”, conclúe Varela, agradecendo a acollida da Concellería de Cultura a esta cita, que tamén conta co apoio da Xunta.