Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Obituario

Xosé Manuel Orriols, xa na ausencia

El primer director de este periódico, Man Castro, recuerda al que fuera su colega en "Ferrol Diario"

Xosé Manuel Orriols, á dereita,
Xosé Manuel Orriols, á dereita, xunto a Man Castro e Xulia Díaz
Cedida

Quero expresar o meu fondo pesar polo falecemento dun compañeiro e amigo, case coetáneo -algo máis novo el- ao que me unían moitas experiencias e vicisitudes compartidas neste hoxe axitado mundo do xornalismo. Estou a referirme a Xosé Manuel Orriols do que onte á noite me chegou a triste noticia do seu pasamento (1948-2025). 

Orriols pertencía á saga de colegas que “amenceron” a esta profesión entre o balbordo de chapas e aceiro dos grandes petroleiros botados en Astano e o micro, a cámara ou o chumbo e as linotipias de Ferrol Diario, como o caso que nos ocupa.

O lembrado Arturo Lezcano Fernández, (Ourense 1939-A Coruña 2019) redactor xefe e director que foi daquel entrañable xornal local escribiu: “De Xosé Manuel Orriols cómpre sinalar o dominio e identificación arredor de FD, a facer labores de diversa índole, no publicitario e como redactor, reporteiro e tamén en funcións representativas” (“Ferrol Diario. El Norte de Galicia (1969-1981). Agonía para unha expresión de seu”. Edicións LEA, 1993). Este profesional” “todoterreo” pasou logo pola TVE, TVG e finalmente Grupo Voz.

Hei de engadir que Orriols, gran e dinámico profesional e magnífica persoa, formou parte da directiva fundadora do Club de Prensa de Ferrol alá polo 1987, brillando, ao longo destes anos, como un singular entusiasta e activista da entidade, con participación nas súas numerosas actividades.

Hoxe, lamentablemente, forma parte xa da orla necrolóxica de compañeiros e compañeiras do CPF -cada vez máis alá, cada vez, menos aquí, lei de vida?-que participaron no que foi un histórico movemento de xornalistas locais, xurdido nos albores da democracia, que se sustanciou co nacemento do Club de Prensa de Ferrol, vai para 38 anos.

Sinceras condolencias e afectos á súa viúva Mari Carme e familia

Que a terra che sexa leve, compañeiro e amigo. Sempre na memoria.