Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Memoria histórica

Luís Lamela | “Non vou falar dos que morreron, senón dos que os mataron”

O autor de “Golpistas e represores. Retratos e memoria histórica de falanxistas”, pioneiro na investigación da represión en Galicia, presentará a obra no Ateneo Ferrolán

Rita Tojeiro Ces
21/10/2025 18:42
O autor, Luís Lamela, presentará a súa investigación inédita no Ateneo Ferrolán
O autor, Luís Lamela, presentará a súa investigación inédita no Ateneo Ferrolán
Eduardo Castro Bal

“Golpistas e represores. Retratos e memoria de falanxistas” é o título dun traballo inédito, asinado polo historiador Luís Lamela, no que por primeira vez se relacionan os nomes e as accións desempeñadas por unha selección darredor de 200 persoas que executaron, dun xeito ou doutro, a represión en Galicia. Esta obra presentarase o xoves 23, ás 19.00 horas, no Ateneo Ferrolán, que colabora no encontro xunto ás asociacións culturais Fuco Buxán, Memoria Histórica Democrática, Edicións Laiovento e o Concello de Ferrol.

O autor aclara que “os golpistas e represores non so identifican aos falanxistas, senón a todos os que participaron”. Non obstante, no caso destes últimos, dáse a particulariedade de que “non se puido falar nada” porque, aínda que se coñeceran os seus nomes e apelidos, estes non estaban vinculados por escrito a feitos concretos.

Este aspecto foi decisivo para a presente publicación, desencadeada despois dun achado totalmente casual na derradeira parada dun percorrido por distintos arquivos, que rematou no de Alcalá de Henares. Neste espazo atopou unha gran cantidade de documentos que posibilitan un formato nunca visto: “son eles, os propios falanxistas, os que contan o que fixeron, porque para reclamar as súas prebendas e os seus previlexos, eles presentaban unha serie de solicitudes ante as autoridades”.

Do mesmo xeito que o resto de investigadores galegos que traballan neste eido, no caso de Lamela dende hai arredor de 40 anos, con 14 libros escritos, esta é a primeira vez que pode falar dalgúns feitos que xa se sabían a través do coñecemento transmitido oralmente.

Así mesmo, esta obra dista das anteriores, xa que nestas “recuperamos e dignificamos o nome das vítimas”, as súas historias vitais e esas “ideas distintas ás dos que se subrogaron contra a legalidade republicana” que as condearon.

Antes “falabamos de falanxistas en xeral e colliamos con pinzas os nomes, sen imputarlles ningunha fechoría”, isto é, o seu propio apoio ao golpe de Estado e o seu papel, a distintos niveis, na represión. “Sabíase que participaban, porque eran auxiliares da Guardia Civil”, un Corpo que, “salvo algúns que se desmandaron”, era o encargado de dar as ordes, a pesar de recibir esta axuda para efectuar os chamados “paseos”, por carecer de “números suficientes” para cubrir todos os procesos.

A Guardia Civil actuaba seguindo o que Luís Lamela chama “tribunal invisible”, que “estaba na delegación do goberno civil” e que apuntaba o obxectivo a eliminar polo Corpo. “En Galicia tamén había checas”, comunica, aínda que non se identifiquen con este nome, que eran lugares de detención dos republicanos e outros disidentes con respecto aos que se rebelaron contra a legalidade vixente.

“En Ferrol, unha das checas foi, por exemplo, un barco que foi atracado no muelle, que encerraba a moitísima xente, que pouco a pouco se sacaba para matala polos arredores”, exemplifica.

Presentación

En definitiva, no acto “non vou falar dos que morreron, senón dos que os mataron”, atendendo a todo o proceso documental que rematou transformándose neste volume editado por Laiovento.

Amais do autor, intervirá o escritor e directivo de Memoria Histórica Democrática, Juan Galán, así como a violinista Estrela Gómez Viñas, que achegará a nota musical ao encontro.