Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Ferrol

Unha oda á vida, á morte e a facer rir da man de Cándido Pazó nas táboas do Pazo da Cultura

O escenario naronés acollerá o día 25 a representación de “Apaga o candil”, unha obra que recupera a vida e o legado do artista coruñés Carlos O Xestal

La representación tendrá lugar el sábado 25
La representación tendrá lugar el sábado 25
Cedida

O Pazo da Cultura de Narón acollerá o vindeiro día 25, sábado, “Apaga o Candil”. Esta é unha proposta escénica do director, dramaturgo e contador de historias Cándido Pazó, unha homenaxe teatral á figura do narrador “O Xestal”, un dos humoristas más recoñecidos de Galicia, perseguido polo franquismo, e que morreu nuha tumba sen lápida antes de cumprir os sesenta.

O creador vigués chega con ilusión a Narón, unha praza que coñece ben e que sempre o acolle “con calor e intelixencia”, como el mesmo di, nesta ocasión, cunha proposta na que se mestura comedia e reflexión, emoción e lembranza, e que pon no centro a memoria dun tempo no que contar era tamén unha forma de resistir. Pazó explica que o proxecto xurdiu da súa antiga admiración por un mestre do relato oral, a quen levaba escoitando desde neno. “Era unha das miñas referencias desde que tiña oito anos. Quedaba fascinado pola súa maneira de relatar. Tiña, ademais, un proxecto pendente co Concello de Carballo, e a ocasión chegou coincidindo co aniversario da súa morte. Entón decidinme a danzar, por fin, con esa idea que levaba tanto tempo gardada”, lembra o director.

Para o papel protagonista, buscou un actor que compartise co homenaxeado ese espírito de narrador popular e unha certa semellanza física: “Tiña que ser alguén que tivese ese aire, esa ollada azul e esa presenza que convidase á palabra. Atopámolo, e o resultado foi marabilloso”. Xunto a el, outro intérprete encarna a Morte, pero afastándose da imaxe tradicional e tétrica: “Quixen que fose unha figura alta, luminosa, cun punto amable, para romper coa idea negativa coa que adóitase asociar. Xogamos a sorprender, e esa sorpresa é a que esperta a reflexión”. Desta forma, a elección foi clara, Avelino Gómez e Toni Salgado son os encargados de facer que esto pague a pena. Neste sentido, o director fala do que xa se fixo entre bambalinas, asegurando que “traballar con dúas persoas é, paradoxalmente, máis complexo a nivel de escritura. Todo ten que ser máis conceptual, máis preciso. Cando tes quince actores, podes crear moitas situacións e personaxes; aquí, cada xesto e cada silencio conta. Pero ao tempo é máis doado de organizar, máis íntimo, máis esencial”.

Rir coa morte

Curiosamente, e quizáis ligada ca propia identidade galega, o falecemento é un dos fíos conductores, pero sen olvidar a importancia do humor pois, como Pazó reflexiona, “en Galicia convivimos con ela con naturalidade. Non lle perdemos o respecto, pero tamén nos rimos un pouco con ela e dela. É unha forma de exorcizar o medo”.

Pero isto non é unha nova incorporación na obra do vigués, que pensa que a vida “non ven compartimentada. Mentres estás a rir, pode que tamén esteas a vivir algo triste, ou ao revés. Todo vai xunto, e o teatro debe reflectilo”. E esta cuestión casa, sen súbida, coa biografía que permite coñecer a O Xestal, unha figura de referencia para Pazó. “Non é só unha homenaxe a quen admiro, senón tamén un retrato dun home cheo de contradicións, de luces e sombras, como todos nós. A súa traxectoria é profundamente teatral: houbo éxitos, fracasos, pobreza, momentos escuros e unha humanidade enorme”.

Ao mesmo tempo, esta é unha proposta que non pensa só nos que xa coñecen ao cómico, músico e activista de Monte Alto. Esta oportunidade tamén pode ser unha porta. “Sempre digo que quen xa coñece ao protagonista o celebra, e quen non, descúbreo. Moita xente sae do espectáculo e vai á Wikipedia saber máis. Iso é marabilloso. Se un espectáculo esperta curiosidade e desexo de saber, xa cumpriu unha parte da súa misión”.

A sabendas de que é unhapeza con un montón de matices, e na que predomina unha historia complicada, Pazó asegura que non fan falta panos, que o que se debe levar ao teatro “é vontade de sentir. De emocionarse e de darlle unha volta ás cousas da vida. A risa é importante, pero non é o prato principal. É a salsa, o prebe que dá sabor a todo o demais. O esencial é a carne, o peixe, as patacas... o que nutre”.

Esa visión, tan galega e tan súa, de facer da comedia unha forma de sabedoría, percorre toda a traxectoria de Cándido Pazó. Desde os tempos de Historias Peregrinas ou A Eira dos Contos ata este novo espectáculo, o artista mantén unha fidelidade absoluta á palabra viva, á oralidade e á capacidade do teatro para unir risa e reflexión. “O humor é o mellor catalizador do pensamento. Axúdanos a ver o que non queriamos mirar e a aceptalo con humanidade”.

O público de Narón poderá comprobar o sábado, ás portas do outono, como esa mestura de humor, emoción e memoria se converte nun ritual compartido. Apaga o Candil promete ser unha desas citas teatrais nas que a risa ilumina o camiño.