Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Entrevista

Julio Abalde | “Temos que superar os fondos Next Generation porque van rematar dentro de nada”

Tralo seu nomeamento o pasado 11 de setembro, Julio Abalde aborda algunhas das cuestións de interese para os veciños da cidade naval

O novo subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde
O novo subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde
Daniel Alexandre

O pasado 11 de setembro, o deputado socialista no Parlamento de Galicia e antigo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, era nomeado subdelegado do Goberno na Coruña, collendo o relevo de María Rivas –se ben a toma de posesión non se celebrou até o 29–. Un mes despois e tras facer a súa primeira visita institucional á cidade naval, Diario de Ferrol aborda co representante algunhas das principais cuestións de interese para os veciños da urbe.

No encontro co alcalde do pasado 23 de setembro mencionou a súa conexión con Ferrol polo seu cargo como rector. Agora, como subdelegado, que carencias e oportunidades ve na cidade naval?

Eu creo que estamos nun momento donde o que temos son oportunidades, sobre todo porque a aposta do Goberno de Pedro Sánchez por Ferrol é clara e líquida. Sobre todo por temas que teñen que ver coa reindustrialización, como o feito de que o estaleiro de Navantia neste momento ten un futuro moi importante e con el todas as industrias auxiliares, pero tamén en máis cuestións como As Pías, o castelo de San Felipe, ou a vivenda. Que riscos hai? Que non sexamos capaces entre todos de aproveitar esas oportunidades. Pero neste momento por parte do Goberno central estase a apostar forte por ese proceso de reindustrialización, sobre todo de futuro, porque estamos a falar dunhas inversións a moi longo plazo, e iso vai permitir que durante ese tempo sexamos capaces entre todos de diversificar as fontes económicas de Ferrol para que ese futuro estea garantizado.

A avenida das Pías foi o primeiro gran proxecto de infraestruturas sufragado cos fondos Next Generation. Que é o seguinte?

Creo que o que importa é que aproveitemos os fondos europeos que veñen, fundamentalmente os Next Generation, pero tamén outros. Dentro do Next Generation hai moitos destinados á reindustrialización, á eficiencia enerxética, renovación de edificios... As inversións en hidróxeno verde que se están a facer tamén están sufragadas con eles. Pero creo que temos que ser capaces tamén de superar os fondos Next Generation, porque van rematar dentro de nada. Nese aspecto, recentemente acábanse de publicar uns fondos que van a vir para aquí, que son sobre 6,5 millóns, precisamente para facer accións que permitan a actualización e a renovación de determinados proxectos dentro da cidade. Eses son fondos Feder e, polo tanto, van ter un período máis longo de execución e van permitir aproveitalos moito máis. Creo que non é tanto que se sexan cartos dun orixe ou doutro, senón que sinxelamente hai unha aposta clara polos fondos que é capaz de captar o Goberno de España e que son empregados para desenvolver a cidade.

Falando dos novos fondos EDIL, cal é a súa visión do proxecto “Abrir Ferrol ao Mar”?

A mín paréceme que é fundamental. Creo que Ferrol é unha cidade marítima e non pode estar de costas ao mar e vai a cambiar radicalmente a forma de vida e o sentir de todos os ferroláns. Non vai a ser o mesmo pasear ao carón dun muro de tres metros que dunha estrutura que vai permitir visibilizar o que hai ao outro lado. Tamén o feito de que vai deixar que a xente coñeza o que hai dentro do Arsenal ou do estaleiro. É un proxecto de cidade moi importante e por iso ten o apoio do Ministerio de Defensa e agora uns fondos que son asignados dentro dos Feder por parte do Goberno central.

O PSdeG celebrou o avance do bypass de Betanzos pero tamén reclamou unha renovación da liña. Cre que é posible que Galiza conte con Cercanías?

O Goberno está facendo os estudos dese desenvolvemento ou despliegue de Cercanías dentro de Galicia. Establece catro zonas claramente definidas e Ferrol está dentro dunha delas. Penso que o que hai que ter neste aspecto é luces largas. Temos que ser capaces entre todos de conseguir que as infraestruturas permitan que a conexión entre A Coruña e Ferrol sexa competitiva. Independentemente de que o proxecto do bypass neste momento teña incluso orzamentos, creo que só vai supoñer 10-15 minutos de aforro. O que non pode ser é que entre A Coruña e Ferrol tardemos unha hora e 20 ou 40 minutos. Iso non é competitivo. Temos que ser capaces de poñer enriba da mesa un proxecto a medio-longo prazo, que permita que a conexión sexa efectiva. Se non, non poderemos poñer un tren de Cercanías. Ese é o reto. Creo que temos unha oportunidade, porque o Goberno ten neste momento para o Corredor Atlántico un compromiso de inversión de 4.500 millóns de euros. Temos que ver como somos capaces de cadrar esa conexión entre Ferrol e A Coruña para que, repito, sexa competitiva e nos permita conectar Ferrol tamén coa liña de alta velocidade.

Recentemente o Goberno renunciou a construcción de vivendas no Sánchez Aguilera. Cre que aínda hai oportunidade de que se ubiquen nese espazo?

Iso é responsabilidade do Concello pola falta de resposta na urbanización do Sánchez Aguilera. O Ministerio o que quere é ter un espazo donde poder construir xa esas vivendas que ademais está a financiar. O que di é que se non se poden construir no Sánchez-Aguilera, porque sinxelamente non están feitos os deberes para que se poidan comezar xa, buscará outras ubicacións para construilas. Se non pode ser nese espazo, noutros lugares alternativos, pero é o Concello de Ferrol o que ten que permitir a urbanización. O que non podemos é estar esperando a que se eternicen todos os procedementos. O problema da vivenda é complexo e todas as administracións teñen que poñer da súa parte. Os Concellos teñen que facer unha parte, a administración autonómica outra e o Goberno central, como non ten competencias directamente sobre a área de vivenda, o que ten que facer é financiar as actuacións.