Ferror Records celebra 10 anos cun “vermú cultural” en versión extensa
Este domingo terá lugar en Canido o que probablemente sexa o evento máis importante para o selo discográfico

O domingo no centro cívico de Canido celébrase unha auténtica festa organizada por Ferror Records, o selo discográfico local que dende que naceu, hai dez anos, foi moito máis aló do agardado e ofreceu máis de 100 concertos e dúas exposicións no Centro Torrente Ballester. Para conmemorar esta traxectoria pioneira, que sobre todo focalizou na visibilización do talento musical da xuventude, as portas abriranse ás 12.30 horas para inaugurar unha xornada que se prolongará até a tarde, coas actuacións de Bule, Playa Desmayo, Tanque de Tormentas, Raquel Plata e Mani Maniquí.
A festa de aniversario contará co foodtruck de Misco-Midas, que ofrece opcións veganas e carnívoras, ademais dunha exposición que repasa os dez anos de vida do selo, atendendo ao estreito contacto que mantivo sempre coas artes gráficas e a fotografía, entre outras expresións culturais.
Así, a mostra aproveitará “os discos que fumos lanzando estes anos, que son 168 referencias, das cales moitas saíron en formato físico”, sinala o cofundador Fernando Fernández Rego, en relación aos máis de 25 vinilos, máis de 25 CD’s, seis casettes e incluso tarxetas USB. Ademais, exhibiranse traballos de cartelería como os elaborados por Elga Fernández Lamas para os Solpores ou os logotipos de Armando Guerreiro.
Este ilustrador tamén asina a nova identidade corporativa que se estreou este mesmo ano e que marcará os próximos pasos de Ferror Records, agora representados con tres “paxariños” en lugar de un. Outra novidade que veñen de anunciar no mes de xuño é a apertura dunha páxina web propia que reúne todo o labor desempeñado, tanto na parte discográfica (novos lanzamentos e tenda online) como na de dinamización cultural (blog que dá a coñecer proxectos musicais, información dos eventos...).
Ademais, na dirección de ferrorecords.com, un traballo feito por Toni Ramírez, que tamén é técnico de son nos concertos, achégase a posibilidade de asociarse, unha opción que sempre está dispoñible de xeito presencial nos eventos, sumándose así ás máis de 100 persoas que xa integran a comunidade.
Aniversario
Tal como destacou Rego, no cartel que confeccionaron para a ocasión “priman as propostas do selo ou grupos estilísticamente afíns”, e todas elas exhibiranse nun encontro que busca “que a xuventude se recoñeza, comparta experiencias e se sinta protagonista dunha cultura viva”, polo que no acto tamén será importante a difusión e a normalización da lingua galega.
Mani Maniquí e Tanque de Tormentas actuarán por primeira vez en Canido. Ambos son dúos: o primeiro composto por Tariq Chan e John O’Collón e o segundo por Pablo Sáenz (Nüca) e Román Verdeal.
Tamén serán protagonistas dúas contas pendentes de anteriores encontros, a DJ Raquel Plata (que non puido estar no derradeiro Solpores) e Playa Desmayo (tras a cancelación do San Ramón deste ano). Ademais, Bule presentará o seu último disco, que tamén poñerá á venda en primicia este día.
Futuro seguro para o underground
Á marxe da faceta de axente cultural, a repercusión mediática de Ferror Records está a constatar o feito de que “estes dous últimos anos foron os de máis actividade do selo, tanto en canto a eventos como a edicións”, segundo Fernando F. Rego, que vaticina unha intensidade aínda maior para as próximas tempadas.
Entre as previsións hai numerosos proxectos a punto de saír, comezando polo “Non vale parar!”, que levará Bule o domingo, e continuando con Carlos Ordóñez, Nocturna, Zavala e Chicharrón, entre outros exemplos.
