Un territorio galego no que o bosque autóctono se conserva e aproveita: o soño e traballo día a día de Betula
A Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico repasa a súa historia e proxectos nas Xornadas Naturalistas

Betula, a Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico, foi a protagonista deste venres de onte no Museo de Historia Natural, dentro das Xornadas Naturalistas que organiza a SGHN. Estes encontros serven, precisamente, para que os grupos de carácter ambientalista se dean a coñecer, como desta volta realizaron os membros da xunta directiva Pedro Cruzado, César Martínez e Luisa Montero. Segundo lembrou esta última, a propia Sociedade tamén organiza, co mesmo fin, unha saída gratuíta en autobús para visitar algúns dos terreos da entidade, a próxima no monte Marraxón, onde o ano pasado realizaron “unha plantación de case 300 árbores autóctonas nun terreo custodiado, non en propiedade”.
Estas son as claves para comprender o principal traballo e razón de ser da asociación: a recuperación e a conservación da diversidade do bosque autóctono, un obxectivo que van cumprindo, paso a paso, mediante as tres formas de colaborar neste senso. Trátase, por un lado, da compra ou doazón, e por outra, do convenios de custodia do territorio que, “non deixa de ser un primeiro paso para que a xente se dea conta de que se non é capaz de coidalo, que nolo done ou venda”, segundo explica o vogal André Santalla, poñendo o exemplo do acordo que manteñen cos Montes do Chá ou incluso cun terreo seu particular.
Así, a asociación vai ampliando a superficie na que actúa, nutrídose do traballo voluntario que convoca regularmente para sementar, despois de pasar o tractor, o que se rematará transformando nunha das fragas que tanto caracterizan Galicia nos imaxinarios colectivos. Amais da man de obra, hoxe Betula conta cun total de 234 socios, que sobre todo repuntaron dende que á cota individual engadiron a posibilidade de colaborar tamén cunha contía familiar (pasando dos 20 aos 35 euros anuais), pola que xa poden presumir de ter a socia máis nova, unha nena de 2 anos.
En calquera caso, segundo destaca Santalla, Betula actúa co obxectivo de “que a fauna poida trasladarse por fragas, non compramos de calquera maneira senón de forma estratéxica”. Así, actualmente ten arredor de 160.000 m² en propiedade e de 3.000.000 en convenio.
Cooperación
Unha das últimas novidades en canto a proxectos nos que participa Betula é a colaboración coa USC a través do Grupo Compostela de Universidades, que conta con máis de 30 anos de traxectoria, acadando a “tres millóns e medio de profesorado e alumnado de todas as universidades do Camiño de Santiago, América Latina, Asia e África”, concreta André Santalla.
Este integrante é o representante de Betula en EuroEume, unha das asociacións sen ánimo de lucro, que ademais está declarada de interese público, coas que colaboran para levar a cabo proxectos “extraordinarios” como o denominado Enraizadas. Segundo lembra o voluntario, nesta iniciativa enmarcouse a xornada “Ecofeminismo e Custodia do Territorio”, celebrada o mes pasado nas Pontes.
Por medio do Grupo Compostela ofrecen o “Voluntariado GCU co Patrimonio en Bosques de Galicia”, en colaboración con EuroEume, Rural C, Grupo Naturalista Hábitat e Concello de Monfero. “Cada día temos unha actividade”, explica o vogal, poñendo o exemplo de que este mesmo xoves foron revisar unha das estacións meteorolóxicas que teñen instaladas, neste caso “nun lugar escondido” dentro das fragas do río Belelle.
Nestes medidores recompilan unha variedade de información científica que poñen a disposición das persoas interesadas para fins de investigación, á que ademais é posible acceder en remoto a través dunha aplicación dixital. “Con respecto ao cambio climático está tomando datos moi interesantes porque aquí estamos metidos nunha fraga moi húmida, con moitos fentos, moito musgo, e se a temperatura está aumentando considerablemente, vaille afectar a toda esta diversidade”, advirte Luisa Montero, coa precaución de que “os datos estatísticos hai que analizalos de varios anos”.
Sobre o proxecto que desenvolven co Grupo Compostela, polo que visitaron a estación meteorolóxica, André Santalla resalta que “xuntar tanta xente, tantos colectivos, é algo único”.

Así mesmo, dá conta da organización en tres apartados: “ambiental, antropolóxico e outro de potenciación da riqueza local agroalimentaria, para que a xente vexa o que se está facendo e as posibilidades que hai de xerar novas industrias, novos autónomos”. Do mesmo xeito, valorou a aprendizaxe mutua que posibilita o carácter interxeracional, xa que os participantes son sete maiores de 55 e outros tantos menores de 35.
Este sábado pola tarde, na parroquia de Vilachá, pertencente ao concello de Monfero, os protagonistas serán os petroglifos e o domingo, a fauna e flora dos bosques do concello, que se catalogará e observará. Despois, ao mediodía, “cociñamos un caldo de castañas e un cocido galego, todo con produtos de Monfero”, o mesmo que se certifica no resto de alimentos a degustar, como o requeixo que elabora Cristina en Lourán, o Restrebas. Ademais, hai previsións de que o alcalde acuda “á comida ou como mínimo a facernos unha visita, porque quere felicitar o proxecto”, traslada André Santalla.
Así mesmo, xa teñen plans de colaborar con distintos centros da UDC, entre os cales se encadra o obxectivo da xuntanza deste luns: “imos reunirnos cos alumnos [do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos que se imparte no Campus Industrial de Ferrol] para que creen, como mínimo un grupo ou dous, videoxogos sobre bosques”.
Para levar a cabo esta idea, dende a asociación pensaron en dar a coñecer un dos seus espazos fetiche, “este bosque milenario que temos, que se chama Sanguiñedo, en Monfero”, e que, de feito, serve de inspiración para toda unha lenda que xa forma parte do imaxinario colectivo dos integrantes. Trátase dun lugar “máxico”, cheo de arandeiras, no que se atopa unha gran pedra que se interpreta como un gardián que, como Betula, se encarga de protexer as fragas.
Rexistrando todo
Outro dos importantes labores dos que se ocupa Betula é a recuperación das curripas, contrucións circulares que servían para madurar e secar as castañas e das que aínda quedan restos en numerosos montes galegos.
Neste tipo de elementos patrimoniais pode constatarse, quizáis de maneira máis evidente que nos propios bosques, o vínculo que une aos seres humanos co seu medioambiente, polo que Santalla se lembrou dunha curripa en concreto, ligada á escritora local Carmen Blanco Sanjurjo. Xunto ao seu irmán, “cando eran nenos ían coller as castañas aí”, un recordo indeleble que forma parte súa infancia.
Este é un exemplo dos motivos que, mirando cara ao futuro, dan pé ao obxectivo de producir “unha película sobre todas estas historias de vida, que hai xente que ten agora 90 anos”, sinala Santalla, polo que xa se sente nunha carreira contrarreloxo para preservar esta dimensión inmaterial asociada ao patrimonio natural e cultural.
“Estamos filmando e fotografiando todo”, continúa o directivo, dando conta dalgúns exemplos como as leccións que vén de impartirlles César Martínez, que ofreceu “un curso de como se facían os ‘aparelliños’ para coller as castañas dos ourizos”, a elaboración do caldo tradicional ou os “xoguetes que se facían a partir dos bugallos”, entre outros exemplos.
Así, Betula non só valora o voluntariado e as doazóns de terreos, como as que realizou a nomeada familia Blanco, senón tamén o coñecemento e axuda de persoas como Nemesio Alvariño Espiñeira, “Mesito”, que, aínda que neste caso non chegará a saír na soñada produción, desempeñou un papel imprescindible á hora de facilitar contactos para mercar parcelas nas Fragas do Eume e continuar “percorrendo o camiño”.


