As pequenas e pequenos galegofalantes celebran a súa festa este sábado en Canido
Paula Carballeira e Mamá Cabra serán dúas protagonistas na xornada, que inclúe un xantar con previa inscrición

O centro cívico de Canido volverá ser o escenario este sábado 4, a partir das 12.30 horas, do “Dia da criança galegofalante” na súa terceira edición, unha celebración organizada por Brincarmos, o colectivo que agrupa ás familias da asociación cultural Artábria. O obxectivo é que sigan existindo meniños e meniñas que falan galego, ao mesmo tempo que se reivindica o dereito a crecer nesta lingua.
A xuntanza propón un programa de actividades para boa parte da xornada, dirixidas ao público familiar, que comezarán cunha sesión vermú a cargo das Caldupeiras. Estes pandeireteiros e pandeireteiras, integrantes da asociación con sede en Narón que nace para recuperar e preservar o folclore galego, virán cargados de ritmos populares como os maneos, ribeiranas ou agarrados. A base de instrumentos percutidos montarán unha festa que rematará en foliada.
Despois, arredor das 14.30 horas está previsto comezar co xantar popular, no que se servirá paella con carne ou vegana, pan, bebida, café e sobremesa. As persoas que desexen aproveitar este menú, por 12 euros ou 10 para as socias e socios de Artábria, deberán anotarse no teléfono 646 068 586 ou enviar un correo electrónico a brincarmos@gmail.com.
Pola tarde
Despois do xantar, ás 16.00, terá lugar a lectura do pregón a cargo da escritora nacida na parroquia de Maniños Paula Carballeira, gañadora do Premio Nacional de Literatura Dramática por “As alumnas”, sumándose así ás anteriores madriñas do “Dia da criança galegofalante” Ánxela Loureiro e Sabela Díaz, todas elas cunha traxectoria importante de dignificación do galego.
“Camiños de mar, terra e vento” é o espectáculo familiar que ofrecerá a contadora e actriz fenesa a partir das 17.00 horas, despois dunha pequena actuación das nenas e nenos de Brincarmos ás 16.30.
Da narración oral pasarase á música da man dunha das bandas galegas máis populares entre o público de menor idade, Mamá Cabra, fundada pola educadora infantil Gloria Mosquera. O grupo virá celebrar en Canido os seus 25 anos cun concerto especial no que se fará un percorrido dende a orixe até chegar aos últimos lanzamentos.
O cartel deste ano, elaborado por Bruno L. Teixeiro, representa aos pequenos deseñados por Castelao xunto ao neno Handala, de Naji al-Ali, como símbolo da resistencia palestina.
Brincarmos, na procura dun espazo seguro para a lingua
As familias que conforman Brincarmos fundaron o colectivo ante a necesidade de referentes para os seus fillos e fillas galegofalantes, da mesma idade e que reforzasen a súa identidade lingüística. Deste xeito, promóvese un espazo seguro para estes pequenos ao mesmo tempo que para a propia lingua, construíndo comunidade mediante a organización de actividades tanto para nenos e nenas como para adolescentes.
Entre estas figura o “Día da criança galegofalante”, que convocan no primeiro fin de semana de outubro para conmemorar o uso pioneiro do galego na oratoria dentro do actual concello de Ferrol, por parte dos dirixentes de Solidariedade Galega Rodrigo Sanz e Lugris Freire, nun acto que deu pé ao que hoxe é a Cooperativa do Val.