Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Cultura

A Noite de Morcegos explora a biodiversidade no Green Campus de Ferrol

Manuel Arzúa conduciu unha actividade que tentaba abrir frontes ao alumnado das carreiras técnicas

Rita Tojeiro Ces
30/09/2025 23:13
Un momento da primeira parte da actividade, que consistiu nunha introdución aos morcegos
Un momento da primeira parte da actividade, que consistiu nunha introdución aos morcegos
| Emilio Cortizas

A asociación Morcegos de Galicia organizou este mesmo martes na zona universitaria de Esteiro unha das súas actividades habituais, desta volta coa colaboración da UDC e o Green Campus, e co apoio da Deputación da Coruña. Con este tipo de iniciativas tratan de fomentar o coñecemento sobre estes quirópteros, que poden ser grandes aliados do ser humano, así como o interese dos futuros profesionais neste eido.

O encontro comezou no Edificio de Apoio ao Estudo cunha introducción aos morcegos a cargo de Manuel Arzúa, que tratou aspectos ecolóxicos, clasificación de especies, hábitats e lugares onde se refuxian, entre outros. Segundo explicou o propio relator, despois saíron ao exterior “cuns aparellos aos que lles chamamos detectores de morcegos”, xa que estes emiten “sinais ultrasónicas que nós non podemos percibir” e deste xeito pódese apreciar cando pasa un exemplar. Desta volta, incluso puideron velos cazando.

As Noites de Morcegos que adoita organizar a asociación para o público xeral e familiar celébranse normalmente os fines de semana, polo que dende a entidade pensaron que sería interesante achegar este tipo de propostas ao ámbito universitario. Concretando nas titulacións que se imparten no Campus Industrial de Ferrol, Manuel Arzúa sinala que existen máis vínculos dos que poden presupoñerse.

“Aínda queda moito por saber: a min gustariame que alguén dalgunha carreira técnica se interesara polos morcegos”, expresa, dando conta da necesidade de múltiples disciplinas para avanzar na investigación. De feito, pon o exemplo dunha compañeira do seu equipo que procede do eido da enxeñaría para constatar que non se trata dun ámbito exclusivamente “adicado a biólogos, veterinarios ou temas de medioambiente”.

Segundo explica Arzúa, “os morcegos están por todos lados: hai especies que son moi xeneralistas, que poden estar nun bosque supermaduro ou nunha zona degradada, con tal de ter insectos para comer”, entendendo por este último hábitat os lugares máis humanizados, amais de dispoñer de refuxio.

Asociación

Tanto polo alimento maioritario das especies que habitan na Comunidade como incluso polos seus extrementos, chamados guano cando serven como fertilizante, os morcegos poden ser aliados dos seres humanos.

Así, moitas persoas que contactan con Morcegos de Galicia para retirar poboacións das súas propiedades cambian de opinión cando teñen a información e son asesorados polo equipo das alternativas para protexelos.