Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Novidade

O asociacionismo fai a forza: Tarde Piache propón lecer e cultura en Cabanas

No verán plantouse unha semente que xa deu os primeiros froitos en outubro e os brotes novos continúan saíndo en asemblea

Cabanas Escola Laica membros asociaciónTarde Piache
Algunhas persoas asociadas, activas e simpatizantes, entre as que se atopan as cineastas Iria Santos e Laura Pico (na ringleira de diante, no centro)
Daniel Alexandre
0620_obradoiro_redideal_251121_tamara
0620_resonac_redideal_251125_tamara
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
0620_liceo_redideal_251121_tamara
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_fundacion_vs_251121_tamara
0620_matraz_redideal_251121_carlos

Cultura con mensaxe, contido sen filtros e festa cando cadra son os lemas da nova asociación Tarde Piache, que loce a identidade corporativa de Elba Quintero (@elba_quint) e está a piques de rematar con éxito a súa primeira gran aposta, o ciclo cinematográfico “Butacas, proxección e manta”. Nesta proposta inclúense algúns filmes clásicos e outros realizados por creadoras da zona como Iria Santos ou Laura Pico, sobre temas de especial interese para o territorio máis próximo, como son as problemáticas no medio acuático en catro comarcas ou a historia da bicampioa de Europa en fútbol sala Ale de Paz, xogadora de Neda que está competindo neste momento no Mundial en Filipinas.

“É unha asociación cultural totalmente horizontal, todos tomamos as decisións en conxunto”, valora a cineasta Iria Santos, que se uniu ao equipo en canto coñeceu a iniciativa, interesada en que os habitantes da zona tivesen a disposición unha programación constante e diversificada. Tal como relata Santiago Raimundi, un dos compañeiros que participaron na fundación, “criamos que era interesante montar unha plataforma que empoderase á xente para crear cousas e en especial ás nosas fillas”, ademais de “ter un espazo no que poder estar reunidos sen a necesidade de consumir”, un lugar que finalmente conseguiron na Escola Laica.

Pola experiencia doutra das implicadas, Nair López, aquel primeiro propósito tamén se está a cumprir: “gústame que a nena está aprendendo o poder do asociacionismo”, un sistema totalmente novo para a pequena que, xunto ás súas novas amizades, xa propón ideas. O lecer dos fillos é unha das motivacións principais para boa parte dos que se achegan, sexa como socios activos, simpatizantes ou simplemente público nun día concreto, pero non é a única.

Aínda que a maior parte dos integrantes son de orixe local, a asociación tamén acolle a xente doutras zonas, como Nair, que vive en Miño pero non é natural nin dese concello veciño nin de Cabanas, polo que tamén lle serve a ela como centro social onde coñecer xente nova, coa que comparte idade e situación familiar, e así involucrarse na súa nova contorna.

De feito, as asembleas aprovéitanse para que as nenas e nenos se divirtan por libre e tamén coas actividades que lles adoitan propor os maiores, como a personalización de estoxos de tea que fixeron o sábado, que poderán servirlles para recadar fondos de cara a proxectar cinema infantil. Tal como sinalou Nair López, precísanse cartos porque non hai tantas películas accesibles como para o público adulto, ou polo menos cuns criterios mínimos que se correspondan coa sociedade actual: “tampouco lle quero poñer agora á nena unha Olivia que esté esperando a que Popeye a salve”, expresa.

Películas

Un dos propósitos fundamentais de Tarde Piache é aproveitar unha sala especial da Escola Laica de Cabanas, onde dispón de dous espazos cedidos polo Concello e pode facer uso doutros coma este, para “recuperar o cine accesible para todo o mundo”, sinala López, tanto polo que supón pagar as entradas dunha familia como polo feito de ter que desprazarse até Ferrol ou A Coruña, os puntos máis próximos onde hai cinema.

O ciclo de cine que se inaugurou a finais do mes pasado tivo unha resposta moi positiva, particularmente tendo en conta que a entidade aínda se atopa nunha etapa inicial, coñecéndose entre os propios membros, que xa suman 28 socios, e en proceso de difundir a súa existencia por Cabanas e arredores. “Imos pouco a pouco: o primeiro día viñéronnos de fóra da asociación tres persoas”, unha cifra reducida pero coa que non contaban, e moito menos a vintena de espectadores alleos que chegaron a asistir posteriormente.

Amais de títulos clásicos como o que poñerá fin a “Butacas, proxección e manta” nesta primeira edición, “El gabinete del doctor Caligari” (1920), o domingo 30 ás 18.00 horas, a proposta destaca por incluír documentais de proximidade, sempre deixando espazo para a conversa ao final como unha forma de continuar tecendo comunidade. Un exemplo é “Morabeza”, a longametraxe dirixida por David Mon e producida por Kaito Estudios (Culleredo) que estreou o cartel cunha historia sobre Burela e Cabo Verde.

Non obstante, máis perto aínda quedan as temáticas doutras dúas propostas. En primeiro lugar proxectouse “Monumento”, unha miniserie de curtas dirixida por Iria Santos que gañou o premio á Mellor Webserie V.O. en Galego no Carballo Interplay do 2018. Esta peza xurdiu como Traballo de Fin de Grao en Comunicación Audiovisual pola UDC, realizado con Inés Pérez, Luciana Pulido e Laura Pico.

Debido aos requisitos da entrega, crearon un “webdoc interactivo” de catro episodios “con entrevistas a expertos e infografías sobre os temas que tratan os ‘Monumentos’, que son eses protagonistas e as súas historias”, relata a directora. Os distintos capítulos “abordan as problemáticas no medio acuático na Galiza centrados en catro comarcas: Ferrolterra, Santiago, Ortegal e Vigo”. En cada unha das zonas focalízase nun aspecto e, no caso das máis próximas, son o marisqueo e a contaminación das rías e, por outra banda, os percebeiros e percebeiras e os perigos que corren.

Ademais, Laura Pico, coa que realizou o traballo e unha das socias simpatizantes, firma a mediametraxe “Ganarlo todo”, que se exhibiu o pasado domingo, precisamente despois de que a selección española gañara o primeiro partido contra Tailandia.

Axenda

No mes de outubro, Tarde Piache estreouse nas redes sociais co anuncio da primeira actividade, un taller de iniciación ao podcast para adultos que se ofreceu gratuitamente, continuando co ciclo cinematográfico e cun obradoiro de adornos de Nadal elaborados con cerámica, dirixido ao público familiar.

Aínda non rematou “Butacas, proxección e manta” e xa hai novas propostas á vista. A primeira será a presentación do último cómic do ilustrador Cristian F. Caruncho, de Ortigueira, recoñecido por ser autor, xunto a Lidia Cao, de murais a gran escala como por exemplo, no seu municipio, a “Punkiereteira” e a “Ghaiteira”. “O día de San Martiño” é o seu exemplar de maior envergadura até o momento, que irá presentar á Escola Laica de Cabanas o xoves 4 de decembro, ás 17.00 horas, para dar conta do seu proceso creativo, falar da obra co público e incluso firmar algúns dos volumes que levará consigo ao acto.

A diferenza deste encontro, que é de balde, o domingo 14 convócase un obradoiro de artes florais para a elaboración de coroas e centros de mesa de Nadal, que virá da man de Ángela Garrote, quen se ofreceu a conducir outra proposta de balde: o 14 de xaneiro ocuparase dunha formación de coidado de plantas. En calquera destes casos é necesario inscribirse previamente a través dun formulario localizable na páxina web (tardepiache.gal), onde tamén se pode obter información máis detallada das actividades, por medio do correo electrónico piachetarde@gmail.com ou no 687 685 984.

Como pode constatar a temática da seguinte proposta, programada para o 24 de xaneiro (con data límite para apuntarse o día 14), sobre sombreirería tradicional, a cargo de Julia Vilariño, na que cada participante poderá elaborar o seu propio chapeu, a asociación Tarde Piache semella non pór límites ás ideas.

En consecuencia, as persoas interesadas en aproveitar ben este proxecto de recente creación deberán estar atentos ás plataformas de difusión como o Instagram ou o Facebook.

0620_danza_10_redideal_251121_tamara
0620_hitos_redideal_251121_tamara
0620_mampaplus_redideal_251121_cristina
0620_mayores_redideal_251121_tamara
0620_opticalia_redideal_251121_veronica
0620_sergio_ruiz_redideal_251121_carlos
0620_talleres_hercules_redideal_251121_veronica
0620_tinytown_redideal_251121_veronica
0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_bico_redideal_251125_tamara
0620_buceo_galicia_redideal_251121_cristina
0620_casa_marabina_redideal_251121_carlos