Copos de Avena estrean Pulso, o festival de vangarda que revoluciona As Pontes
A Orquestra Galega de Liberación dará continuidade a esta nova cita que aposta pola creación da terra

O jazz contemporáneo e a creación galega máis arriscada son o centro do novo festival de As Pontes, Pulso, unha proposta que estrea a súa primeira edición este venres 8 no auditorio municipal Cine Alovi. A banda Copos de Avena e o dúo formado por Abe Rábade & Antía Muíño son os proxectos que actuarán primeiro, a partir das 20.30 horas.
Copos de Avena está integrado por Gloria Pavía (voz), Yudit Almeida (contrabaixo e voz), Iago Marta (guitarra) e Héctor Agulla (batería), un cuarteto que recolle o legado da música latinoamericana e o reinterpreta dende a liberdade do jazz. Referencias como Silvia Pérez Cruz, Rita Payés, Natalia Lafourcade ou Jorge Drexler poden intuírse entre ritmos e melodías como as da bossa nova ou os boleros.
Despois subirán a escena Abe Rábade & Antía Muíño, presentando un proxecto conxunto no que se mesturan canción de autora, jazz e música tradicional galega, botando man de piano, voz, guitarra e pandeireta. Como dúo, veñen de publicar o EP ‘Vente vindo / Eu en ti’.
Segundo día
A Orquestra Galega de Liberación dará continuidade a Pulso mañá, unha agrupación dirixida por Xacobe Martínez Antelo, especialista na improvisación dirixida e na técnica do soundpainting, que fan das súas actuacións unha experiencia que trascende o concepto clásico de concerto.










