O concello das Pontes sóbese ao tren do jazz co festival Pulso que se celebrará o 8 e o 9 de maio
Xa poden mercarse as entradas e os bonos para a cita, que se desenvolverá no Cine Alovi

O Auditorio do Cine Alovi acollerá os días 8 e 9 de maio a primeira edición do festival de jazz Pulso, unha iniciativa cultural que se presentou onte nas Pontes e que traerá á vila a Copos de Avena, Abe Rábade&Antía Muíño e Orquestra Galega de Liberación. As entradas xa poden mercarse ao prezo unitario do bono completo de 16 euros máis gastos de xestión na plataforma sacatuentrada.es.
A concelleira de Cultura, Xuventude, Innovación e Novas Tecnoloxías, Lorena Tenreiro, sinalou que o evento “nace coa vontade de converterse nun novo punto de encontro a través do jazz e a creación contemporánea en Galicia, ofrecendo propostas de vangarda e cunha clara aposta polo talento galego”, explicou. Nesa liña, a edila lembrou que As Pontes “xa leva anos apostando pola música en directo” e que agora “queriamos ofrecer unha proposta diferente que ata o de agora tiña moi pouca presenza nas programacións”, segundo recoñeceu.
Por último, Tenreiro subliñou que a intención do Concello é que o festival se consolide nos vindeiros anos no calendario cultural da vila.
Pola súa banda, a directora artística do festival e responsable de Luneda Producións, Aitana Cuétara, expresou a súa ledicia por que “xurdan iniciativas coma esta, que se afastan da estética tan homoxénea que hai agora mesmo en todos os festivais, en todas as programacións, tanto públicas coma privadas”. Nesa liña, puxo en valor a aposta das Pontes por propostas de certo risco como a que ofrece a Orquestra Galega de Liberación, “con preto de vinte músicas e músicos sobre o escenario”.
Cartel
O cartel desta primeira edición ábreo o cuarteto Copos de Avena o venres día 8 ás 20.30 horas. Os seus sinais de identidade abrazan os ritmos latinoamericanos e tamén o diálogo entre a tradición e a vangarda. Gloria Pavía, Iago Marta, Yudit Almeida e mais Héctor Agulla integran a formación.
O sábado día 9 as actuacións principiarán ás 20.00 horas. Abe Rábade&Antía Muíño serán os primeiros en subir ao escenario do Cine Alovi, onde interpretarán os temas do seu EP de dobre cara ‘Vente vindo / Eu en ti’. Acto seguido será a quenda da Orquestra Galega de Liberación, que fai da improvisación virtude. O grupo, de case vinte músicos, está dirixido por Xacobe Martínez Antelo.








