Marcos Casal Iglesias, novo medallista mundial do Remo Cedeira: “Nunha regata tan curta non che da tempo de pensar, saes a morrer”
O canteirán da vila estreouse na competición internacional cun terceiro posto

Onde se pode chegar percorrendo 376 metros? Da casa ao traballo, á túa cafetería favorita ou, no caso do mozo de Cedeira Marcos Casal Iglesias, esta distancia levouno á súa primeira medalla no Campionato Mundial de remoergómetro, concretamente, un bronce.
Foi unha proba algo inusual, xa que o remeiro tivo que separarse do seu compañeiro, o veterán Justo Pérez, e tamén do seu adestrador, Chema Hermida. Casal competiu na final no pavillón municipal de Cedeira, mentres que Pérez, de Sada, competiu a máis de mil quilómetros de distancia, en Cartaxena, coincidindo coa celebración do Campionato de España. Casal conseguiu un bronce mundial na proba masculina de 17 a 18 anos en exactamente un minuto, o tempo asignado para percorrer a máxima distancia posible neste formato innovador e exitoso introducido este ano. E Casal brillou nel.
Como viviu a súa primeira experiencia mundialista, sendo esta ademais tan peculiar?
O feito de non ter aos meus rivais ao lado foi un pouco raro, pero remar na casa tamén foi unha vantaxe. Estivo comigo o meu primo Raúl, que é polo que eu estou remando agora, foi un exemplo sempre. E estabamos en contacto todo o tempo con Chema, que era o que nos ía mandando, por así dicilo. Levo máis de dez anos con el e coñéceme mo ben. Unha hora antes da regata estaba comendo coa miña familia e no pavillón tamén estaba máis familia e algúns amigos.
Escoitaba os seus ánimos?
Non sei se so son eu ou somos todos, pero eu cando estou na regata so escoito ao adestrador. Pouco máis. Escoitas de fondo xaleo pero....
Para min foi unha sorpresa. Cando acabei foi unha alegría para todo o mundo
Como foi o camiño para estar sentado ese día no remoergómetro, nun Mundial?
Foi a primeira vez e xa me dixera Chema non fai moito tempo se me quería apuntar e probar a ver como nos ía. Fixemos unhas probas para ver en que tempo andaba e vimos que podiamos andar para meternos na final e decidimos probar. E non estivo nada mal. A primeira regata si que estivo máis apertada –houbo unha clasificatoria–, porque tampouco sabiamos moi ben por onde ían ir os rivais. Pero para a final corriximos un par de cousas e saíron como queriamos.
Da tempo de pensar algo máis que en remar nun minuto?.
Nesta regata a diferencia pode estar en décimas que falles, aí está a medalla. Nesta regata tan curta non che da para pensar vexo que vou gañando, vou soltar un pouquiño... Non, aquí saes a morrer até o final. O que miras nesta proba é como van baixando os segundos, vas mirando o parcial e intentado que non suba e até ao final non che da para moito máis.
Tivo algún consello de Justo ou de Chema, con máis experiencia neste tipo de situacións?
Eu fun facendo adestramentos, simulacros da regata na casa, así que vin que facía as marcas para entrar nas medallas. Estiven máis ou menos tranquilo. E era o importante, non estar nervioso. Ademais tiña xente experimentada como Justo e Chema, que xa saben como vai a cousa.
Fareille un sitio especial. Unha medalla destas non se da todos os días
Competía na casa e conseguiu un bronce, como foi ese momento de coñecer que tiña esa medalla, ademais coa súa familia e amigos preto?
Para min foi unha sorpresa, teño que dicilo. Por un momento o meu primo díxome “veña que vas subindo, veña que vas subindo!”. E cando acabei xa foi a alegría de todo o mundo.
Xa ten o bronce na casa? Onde a vai gardar?
Creo que vai tardar un tempo antes de que o teña. Cando chegue farei un sitio especial no medalleiro que teño, que unha medalla destas non se da todos os días.
Foi un inicio moi bonito e por todo o alto que invita a continuar. Pensa xa no próximo ano?
Si, foi bonito. Toda regata que saia ben é positiva, sobre todo a nivel mental para seguir afrontando a tempada. O ano que ven si que tiña pensado tamén centrarme no ergómetro na primeira parte da tempada. Entón si que poderiamos pensar na idea de volver participar.
Agora voume centrar no beach sprint e no olímpico, xa está aí a selección
Centrouse no ergómetro neste inicio de ano, agora cales son os seus seguintes obxectivos?
O plan deste ano era centrarse máis no tema da auga, do beach sprint e do remo olímpico, que é o máis importante. Xa son xuvenil e xa está aí a selección nacional...
Precisamente nesa novidosa modalidade de beach sprint –que será olímpica en 2028– conseguiu un bronce nacional o ano pasado, que é o que máis lle chama atención dela?
Agora está a chegar a moita xente en todo o mundo. Creo que unha proba máis igualada que no remo olímpico, igual de esixente, porque tes que ir ao máximo, aínda que é verdade que é máis curta e nótase, tamén nos adestramentos. Estamos probando a ver que tal nos vai e de momento non foi mal no Campionato de España. É todo un espectáculo para ver. O feito de ter que facer unha ciaboga no medio da regata, na que poder gañar ou perdelo todo, chegar á terra as dúas embarcacións á par porque non da tempo de sacar moita distancia... paréceme espectacular. A nivel visual é tamén máis entretido, xa que no banco móvil tradicional é todo en liña e o que vai primeiro é difícil que perda. Hai menos emoción.
Unha modalidade para a que Casal ten a mediados de abril o Open de acceso para a selección, “un dos obxectivos non é entrar, pero si que saiban que estou aí. De momento fixen un test e non foi mal, fun segundo. Imos probar aí”. E polo visto até agora, as cousas poden seguir ben tamén en mollado.











