Supercopa en Arabia Saudí
Sei que o que vou dicir non ten ningunha trascendencia e só serve como catarse e desafogo diante do que vexo coma un atropelo en toda regra á aficción futboleira deste país. Malia asumir que nisto do fúbol o que importa é o diñeiro, considero un desaforo levar a chamada Supercopa de España a Arabia Saudí, un país que como todo o mundo sabe ben pouco ten que ver co fútbol e si moito cos petrodólares. Como xa é coñecido aquel país quere presentar a súa candidatura ao campionato do mundo ao que aspiran tamén nun afán conxunto España e Portugal. Niso de poñeren cartos encol da mesa levamos as de perder.
Non seguín as transmisión deses partidos porque tiña outras cousas que facer e tamén intentando ser coherente diante do desfalco feito a afección en xeral e aos seareiros das equipas participantes en particular. Tal e como anda arestora o fútbol, con estes mercaderes como dirixentes, deixou de ter interese para min. Os maltratados afeccionados españois puideron ver en TV, en canle de pago, esta pachanga organizada en Arabia Saudí, e un xogador do Betis fixo unhas declaracións públicas manifestando que non entendía como unha copa de España pasa a se xogar nun país extranxeiro, e que non falaba máis porque o mesmo isto podería supor deixalo fora de xogo. O fútbol está nas mans de catro aproveitados que toman aos afeccionados coma o pito dun sereo con tal de levaren para adiante os seus espurios intereses. Pero ben está se así se acepta, dirán algúns.
O fútbol segue a ser parte importante dese circo que mantén entretido ao pobo co gallo de que non pense noutras cousas máis trascendentes que afectan ao noso devir. Ben está evadirse por uns intres, cousa necesaria, pero ata un certo límite.O fútbol é un fenómeno sociolóxico que os estrategas teñen ben estudado e que se move entre un negocio especulativo, como case todos, e nun subterfuxio que dalgún xeito afaste o pensamento doutras cousas.
E hai cousas sobre as que deberamos reflexionar malia ésta do fútbol español nas mans da satrapía de Arabia Saudí. Entre partido e partido o persoal anda interesado nas cuítas entre Sakira e Piqué (aquí aparece o fútbol oura vez) con canción polo medio, cousa que debera interesaren a eles nada máis, e tamén na recua de cacas e miserias que conta ese principito inglés respecto a súa familia “real” pertencente á monarquía de todas as monarquías en horas baixas. Si, o fútbol e o cotilleo son pecata minuta en comparanza con outras que si nos afectan e sobre as que pasamos un tupido velo. Polo que se ve deixámonos embelecar con suma facilidade, comulgamos con rodas de muíño e nos levan da man por onde queren que vaiamos. Haberá posibilidade de reverter esta situación?
