Suárez Pícallo, a emigración patriota
Este mes cúmprense 15 anos que foron enterrados en Sada, no cemiterio do Fiunchedo, os restos de Ramón Suárez Pícallo, deputado durante á Segunda República. Din del que foi o mellor orador do Partido Galeguista e formou parte da súa primeira liña xunto con Castelao, Bóveda e Víctor Casas... Coincidindo coa repatriación dos restos organizouse, polo concello da súa vila natal, unha emotiva homenaxe. Pícallo naceu no ano 1894 e morreu en Bos Aires, no exilio, en 1964.
Aos 17 anos emigrou á Arxentina. Alí comeza a militar no socialismo e despois na escisión comunista (aínda que tamén se afasta desta en 1922, semella que polos sucesivos conflitos internos). Suárez Pícallo, ben formado politicamente, ocupou nesa etapa cargos de relevancia no Partido Comunista e no sindicalismo arxentino, e xa daquela era moi bo orador, aínda que só roldaba os trinta anos de idade. Destacou a súa actividade sindical na “Federación Obrera Marítima”(FOM), así como a súa ligazón co nacionalismo galego na emigración, ocupando un lugar sobranceiro na Federación de Sociedades Galegas Agrarias e Culturais de Bos Aires.
Esta Federación enviou como seus representantes a Suárez Pícallo, Alonso Ríos e Campos Couceiro a Galiza para participar na campaña electoral a prol de ORGA, traballar pola autonomía e unir forzas republicanas nun partido único de ámbito galego. O abandono do federalismo por parte de ORGA afasta a Pícallo deste partido e ingresa no Partido Galeguista (PG) en decembro de 1931. Nas eleccións de 1936 o PG presentouse nas candidaturas da Fronte Popular, saíndo elixidos Castelao pola provincia da Pontevedra con 104.000 votos, e Villar Ponte e Suárez Pícallo cuns 150.000 votos cadaquén pola de A Coruña. Despois viría o golpe militar e o exilio en Francia, os Estados Unidos, Chile e despois na Arxentina como residencia definitiva.
Como parlamentario tivo un papel salientábel, abordando temas esenciais para o noso país, como os aranceis do millo, os portos pesqueiros, as cuestións da gandería, o ferrocarril e temas da emigración galega. Considerou que, a diferenza da obreira Bos Aires, a nosa era unha sociedade rural, marxinada e dependente, e centrou a proposta económica no cooperativismo, mais sempre acentuando a temática social. Pícallo retornou (desde un país daquela moito máis desenvolvido) para axudar a liberar esta súa nación, o que é un mérito salientábel. En resumo, unha figura que se debe lembrar, e que merece un maior recoñecemento da Xunta, institucións, partidos e organizacións sociais e culturais da nación galega.
