Sempre no meu recordo, Rafael
No verán-outono de 1989 -inverno-primavera na outra beira do Atlántico- botei catro meses en Montevideo impartindo un curso de literatura na “Universidad de la República Oriental del Uruguay”, que así se denominaba oficialmente. Era a primeira vez que poñía os pes en Latinoamérica e o impacto que me produciu foi grande. Aos poucos, fun coñecendo lugares e persoas e acabei atrapado pola cidade, á que regresei sempre que me foi posible.
Unha boa parte da xente que máis tratei militaba no PC ou votaba a lista 1001, a do Partido no seo do Frente Amplio, e eran moi parciais de Zitarrosa, que acababa de morrer en xaneiro e tamén fora militante comunista, antes e despois da ditadura. Na casa duns deses amigos escoitei o LP Guitarra Negra, que o cantor montevideano gravara e editara por vez primeira en Madrid, en 1977, cando se atopaba exiliado. Gustei tanto del, que se converteu en disco das miñas preferencias. Seino de cor e, por iso, o luns, cando, por Fernando Ocampo, souben da morte de Pillado, o primeiro que me veu á cabeza foi este anaco do que o autor denominou longo poema por milonga:
“Hago falta... Yo siento que la vida se agita nerviosa si no comparezco, si no estoy... Siento que hay un sitio para mi en la fila, que se ve ese vacío, que hay una respiración que falta, que defraudo una espera... Siento la tristeza o la ira inexpresada del compañero, el amor del que me aguarda lastimado... Falta mi cara en la grafíca del pueblo, mi voz en la consigna, en el canto, en la pasión de andar, mis piernas en la marcha, mis zapatos hollando el polvo... Los 7 ojos mios en la contemplación del mañana... Mis manos en la bandera, en el martillo, en la guitarra, mi lengua en el idioma de todos, el gesto de mi cara en la honda preocupación de mis hermanos”.
Non sei se Pillado coñecía este espléndido poema en prosa, dito pola ben timbrada voz de Zitarrosa, con acompañamento de guitarra y violín. Porque aí está tamén el, Rafael, que foi dos que facían falta. Ao meu entender, as fermosas palabras de Zitarrosa semellan un retrato verbal do militante das causas xustas, do compañeiro, do amigo, do camarada, do loitador incansable que Rafael foi ata o final dos seus días. Velaí están, como exemplos, as loitas sindicais e políticas contra a ditadura franquista e pola construción dun sistema democrático, de hai anos, xunto a outras, máis recentes, como o traballo constante no comité cidadán contra a ubicación planta de gas na ría, empresa que, por desgraza e malia as sentenzas favorables do Supremo, non puido ver realizada; ou as mil e unha batallas na denuncia de que a enfermidade e as mortes (asasinatos?) pola asbestosis, eran consecuencia do contacto no traballo co amianto, polo que debían ser recoñecidas como accidentes laborais e, en boa lóxica, os afectados terían que ser atendidos debidamente; ou a loita pola cultura, desenvolvida en Fuco Buxán; ou tantas outras cousas que podemos ler nas súas “memorias colectivas”.
Acabo con este breve texto do recoñecido poeta e catedrático de Química Inorgànica da “Universitat de les Illes Balears” Àngel Terron: “Sempre ens cal escollir entre la dignitat i la conveniència”. Non teño dúbidas da escolla de Rafael Pillado.
