O San Xoán na memoria
Na noite de San Xoán, onte, / apagáronse as lumieiras, / outeiriños de San Xusto/ como camiñar sin ela”, cantaba Emilio Cao no LP Fonte do Araño (1977), tema que durante anos adoitei escoitar nas mañás do 24 de xuño, no meu xiradiscos; non por rito de ningunha caste, simplemente porque gustaba e sigo a gustar del. Hai anos que deixei de facelo, sen ir máis lonxe, porque os vinilos e o aparello reprodutor dos mesmos quedaron na vivenda familiar de Juan Flórez, onde xa non vivo, e desde entón escoito CDs.
Xa por eses anos finais dos 70 dáballe voltas a cando tería sido a primeira noite de San Xoán que vivíra con certo coñecemento do que alí estaba a acontecer. Onte e antonte volvín sobre o tema e recoñezo non ter certeza nin do ano nin do lugar en que puido ser. O que si recordo ben é de ter ido con meus pais á aquela -para min inmensa- lumeirada que facían os infantes de mariña en Batallóns. Ninguén podía competir con eles, cousa lóxica cando, nesa altura, os infantes, que eran moitos, non eran tropa profesional, senón de reemprazo, e non quedaba outra que obedecer e calar. Había que facer a fogueira máis grande do mundo?, pois facíase sen chistar. Desde logo por esa zona militar de Esteiro andei vendo fogatas de neno a mediados dos 50. Mais, deses anos, tamén lembro ter participado -non só como simple espectador, que saltaba algunha brasa pequena- nas fogatas que os veciños de Vilardemouros facían. Miña mai tivera alí praza de mestra, a partir de1956, e durante os dous cursos que botou -penso que non foron máis- fixemos alí bastante vida, mesmo pasabamos parte do verán. É por iso que me inclino a pensar que foi no concello da Capela onde presenciei as primeiras fogueiras de San Xoán. A do lume foi durante moitos anos a única expresión que relacionei coa noite do 23 de xuño. Nin en Vilardemouros, nin en Ferrol pouco ou nada escoitei falar das supersticións relacionadas coa data. As miñas lembranzas de cativo non teñen nada que ver coas que recollidas por Alfredo Brañas neste anaco do seu poema “A víspora de San Xoán”, premiado no certame literario celebrado en Pontevedra en agosto de 1886:
“Quen pode esquencer de vello / os seus tempos de rapás? / Quen pode esquencer a noite / a noitiña de San Xuan / co seu séquito de bruxas, / fogueiras, baños no mar, / augas de rosas, parrandas, / troulas, bailes…y ainda mais? / ¡Si hastra vellos como somos / ós fogos imos brincar!…”.
Foi na literatura, nese e noutros poemas dedicados á noite ou ao día de San Xoán, onde co paso dos anos fun descubrindo cousas dese mundo relacionado con meigallos, foliadas..., mais que nunca puxen en práctica, porque non acredito nelas.
Móvome máis no ambiente humorístico-festivo que, por exemplo, mostran estes versos
do poema “A fonte do demo” -que comeza e acaba “Cantas meiguerías / hai na miña terra!”-, do Bálsamo de Fierabrás de Labarta Pose:
“O que toma un baño / de San Xoán na véspera, / xa ten de seguro / a fortuna feita... / (Se non colle un punto / que é cousa máis certa)”.
