Resultados que reflicten un mundo multipolar
Despois de dúas semanas da tan anunciada contraofensiva, coa que seica “occidente” ía recuperar os territorios ocupados por Rusia, o exército ucraíno practicamente non conseguiu recuperar ningún territorio. Só unhas poucas aldeas e zonas grises nas que ambos bandos se disputan o terreo, a uns custes para Kiev en homes e armamento que son irrecuperábeis. Iso non quere dicir que a Ucraína non manteña algún tempo a ofensiva, nen que a guerra estea rematada, máxime cando a OTAN está disposta a enviar máis armamento: artillería, lanza mísiles, avións... forzando a duración do conflito, para evitar un triunfo ruso, cando menos no inmediato, gañar tempo e buscar unha saída que teña o menor custe no imaxinario colectivo, tanto en “occidente” como no conxunto do mundo.
Este tempo que se quere gañar por parte da OTAN terá un inmenso custe na Ucraína, non só en mortes e destrución da infraestrutura e da actividade produtiva, senón mesmo na perda de povoación, que leva máis anos en recuperala. Dise que nos territorios controlados por Zelenski hoxe viven menos de 25 millóns de persoas, ao que se suma unha parte importante nos territorios administrados por Rusia e no territorio desta Federación, e varios millóns de emigrantes en Europa (no ano 2000 o país tiña máis de 48 millóns de habitantes).
O que busca cada parte é moi evidente, tamén como vai incidir o resultado desta guerra en toda a humanidade, ante todo polo arroupe que recibiu desde o primeiro día por parte dos Estados Unidos e da súa prepotencia unipolar, e o apoio dos seus aliados, mesmo que lles afectase negativamente no inmediato, por temor a perder seu papel sub-imperialista. En fin a actitude imperial converteuse nunha trampa, porque o mundo mudou moito nas últimas décadas, tanto polo ascenso de novas potencias rexionais, como pola evolución demográfica.
Os datos económicos dino todo, a economía rusa vai medrar un 2%, neste ano e medio de guerra diversificou as exportacións e deu pulo á produción industrial. A Estados Unidos favoreceulle conxunturalmente o aumento do gasto militar, comezando polo dos socios na OTAN, mais a economía da UE non se dá recuperado, e cada día que pasa súmanse novos gastos extras pola guerra da Ucraína e as sancións a Rusia. E mentres medra a precariedade social aumenta o gasto en defensa e xa se debate unha doazón de 50 mil millóns para a reconstrución. Un camiño que leva á hipoteca e á desfeita. É hora de negociar, dunha saída alternativa ao precipicio da guerra. Galiza tamén está nesta trampa, aínda que nunca o votásemos.
