Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Quen vai pagar estes extras?

Zelenski pediu ao Congreso dos Estados Unidos sistemas avanzados de mísiles para controlar o espazo aéreo do seu país, para así compensar a superioridade de Rusia e poder chegar a un acordo que poña fin á invasión que non lle sexa tan custoso, amosando unha dose de realismo da que careceu até hoxe (por escoitar promesas incumpridas? Por xenreira aos habitantes rusófonos?). Faino sabendo que o tempo xoga na contra do seu país, dado que a guerra desenvolvese en chan da Ucraína, co que iso implica en relación cos sufrimentos e mortes da povoación, infraestruturas, actividade produtiva, consumo e servizos básicos.

Mentres que, contraditoriamente, mesmo sacrificando as relacións con Moscova no futuro, a UE aposta exclusivamente por armar á Ucraína, acrecentar seu gasto militar, e aumentar as sancións contra Rusia e demonizala. Sancións que se converterón nun búmerang contra a economía da Unión, como sucede no sector da enerxía, cereais, metais, turismo, etc. A esta altura todo reflicte que, como mínimo, un acordo que poña fin á invasión rusa implicaría a aceptación: da neutralidade da Ucraína; da autonomía para as repúblicas do Dombás; e da integración de Crimea en Rusia.

Ninguén pode dicir cando se chegará a un acordo que poña fin á guerra, porén non se debería adiar moito por como atinxe á economía global (aínda que Washington teña e Bruxelas tivese outros plans). Cómpre engadir ademais que os efectos da guerra notaranse posteriormente perante meses, máxime se sumamos os retrocesos aínda non superados da pandemia do covid-19, o cambio climático, e outros males da globalización neoliberal. Isto tanto na Ucraína como en Rusia, máis tamén no resto do mundo e moi especialmente en Europa.

Polo tanto, neste contexto tan complexo non é doado de casar un menor medre do PIB, aumento da inflación, coa redución de impostos e acrecentar o gasto en defensa en máis de 7 mil millóns de euros, como propón Pedro Sánchez. Quen vai pagar estes extras? As protestas polas consecuencias da Guerra, mais tamén das sancións, abranguen neste intre a transportistas, pesca, gandería, etc. Porén ao final o custe xa está a chegar aos prezos, e todo indica que se pretende compensar cun pacto social en materia salarial que sacrifique á clase traballadora coa escusa da guerra, da crise e da competitividade.

Favorecerase nas propostas aos de sempre? Ou sexa, aos que gañaron máis perante a pandemia e agora coa guerra. En fin, trátase de ver non só a foto senón o filme completo. Pola negociación, pola paz con xustiza e nun mundo multipolar.