Protección animal
Penso que todo ser vivo ten a súa razón de ser malia que algúns seres humanos se non naceran nada se perdería. Algunhas espécies proliferan máis ca outras e a Natureza establece as súas própias leis co gallo de manter certo equilibrio que moitas veces,máis das desexadas, se racha polos animais que se cren no cumio da pirámide da evolución: nós, os seres humanos ou animias racionais como cobizamos que nos chamen.
Moitos, a maioría dos animais son depredadores: necesitan matar para comer e xa que logo non matan sinxelamente polo simple feito de matar, polo pracer de facelo. Con todo o ser humano, que tanto evolucionou, mata por gusto e diversión. Por iso é necesario establecer unhas normas que impidan que o martirio dun animal se converta nun espectáculo festivo ou que o ser racional torture a outros seres vivos que considera inferiores, por debaixo da orde evolutiva. Pero todo isto ten evidentemente os seus matices.
A chamada outrora “festa nacional”, as corridas de touros, que moitos definiron como cultura e tradición ( tradición tamén era a execución pública dun reo), sempre a considerei acultural e como unha burda e estúpida tradición o mesmo que o “touro de Tordesillas” ou tirar cabras dende un campanario. Certo que hai xente para todo pero eu celebraría que houbera cada vez menos xente para estas cousas.
O outro día alguén me contaba que diante da presenza dalgunha rata no municipio ( non vou dicir onde porque estas cousas sempre hai que constatalas e non é recomendable poñer o carro denantes cos bois) foi ao Concello para ver se había forma de controlar esa proliferación de roedores e isto recibiu por resposta : “saiba vostede que todos o aminais vertebrados están protexidos por lei, incluídas as ratas”. Quizá mofándose da lei. O home di que quedou dunha peza.
A ver: as ratas de alcantarilla, transmisoras de moitas enfermidades, non teñen depredadores e xa nin os gatos se atreven con elas. No subsolo das cidades hai máis ratas que habitantes na superficie e reprodúcense masivamente. ¿Que facer pois? ¿as esterilizamos? En puridade ninguén podería ser sancionado por eliminar a unha rata na súa casa ou no seu entorno cando por outro lado douse carta branca á batida de xabaríls sen limitación algunha cando hai moitas máis daquelas que destes. De aí os matices.
Non coñezo toda a letra da Lei de Protección Animal. Irei a por ela. Aforcar aos cans que xa non lles serven a uns donos desaprensivos ten que ser sancionable con ou sen esta lei de por medio, o mesmo que abandoalos na rúa a súa sorte pois algúns seres humanos só entenden pola vía da sanción. A escola, a educación, é fundamental en isto como en case todo.
