O presente sen o pasado non tería futuro
Non é un xogo de palabras. É un aviso a navegantes, un chamamento á responsabilidade para non construir proxectos oportunistas efímeros. Os Centros de Promoción Rural -EFA de Galicia están de aniversario, celebran medio século de actividade de formación- desenvolvemento rural a través dos tres centros integrados na Federación EFA de Galicia (Fonteboa en Coristanco, Piñeiral en Arzúa e A Cancela en As Neves), cinco décadas nas que a sociedade rural mudou: pasamos dunha instanténea en branco e negro a outras nas que xa se atisban certas cores, pero o cadro non está rematado, ainda hai que seguir fomentando arraigo territorial, sentemento de pertenencia e emprendemento. A formación, sen dúbida axuda a elo.
As EFA imparten ensinanzas profesionais en conexión coas realidades e potencialidades do territorio, aplicando unha metodoloxía innovadora A Alternancia, unha modalidade de FP dual moi en relación co tecido produtivo do medio. Non forman para buscarse a vida nas cidades, senon para quedarse con proxecto profesional, de vida, e con compromiso social.
O slogan escollido, unha experiencia viva, unha responsabilide no presente e un compromiso cara ao futuro, pretende recoller a vitalidade do presente, os valores instutucionais e o compromiso para o futuro, seguir contribuindo á promoción do medio rural a través da formación das persoas, formar persoas que sexan actores de desenvolmento rural, autónomas e responsables.
Nestes 50 anos houbo moitas transformacións, basta analizar sectores como o agroalimentario e o forestal, a súa capacidade tractora para xerar emprego directo e outras actividades asociadas. Xa non temos o rural clásico, exclusivamente agrario, incluso profundo, con emigración, escaso de recursos para o despeque económico.
O papel das Administracións e a capacidade de emprendemento das persoas foi determinante. O rural actual é diverso e disperso, hai comarcas con clara vocación láctea, outras teñen un potencial forestal non sempre explorado e explotado, ao igual que a produción hortícola.
A formación debe axudar a descubrir oportunidades para emprender, facer territorio, nunha perspectiva rururbana, pois estamos nun mundo globalizado e interdependiente, a dicotomía rural -urbano é cousa do pasado-. Ainda que pasaron máis de trinta anos da publicación do documento “O futuro do mundo rural” os seus plantexamentos seguen vixentes: diversificación e posta en valor do potencial endóxeno, perspectiva territorial máis que sectorial, sustentabilidade dos sistemas de produción, etc. incluso coinciden cos obxectivos da PAC para o periodo de 2023 -27, énfase en temas ambientais e nun tema novo: o relevo xeneracional nas actividades económicas do rural, principalmente da agricultura, sector estratéxico.
Os Centros de Promoción Rural EFA de Galicia, entidades de iniciativa social e de interese público, unha experiencia viva, asumen este compromiso para o futuro: sustentabilidade económica e social das áreas rurais, aportando a singularidade e a experiencia do seu proxecto, contando, eso sí, coa colaboración de tódalas institucións públicas e privadas converxentes nese loable obxectivo.
Como apunta Jaime Izquierdo en “Manual de agentes de desarrollo rural” isto é un traballo de fe, esperanza e calidade. Fe en que é posible un mundo rural integrado nas dinámicas de desenvolvemento e progreso; esperanza de que o traballo ben feito levaranos a consecución do obxectivo; e calidade basada na execución dos traballo.
As escolas deben ser centros de transferencia tecnolóxica e de cultura local nun marco global.
