Imparcialidade
Como e cando se pode ser imparcial e calar? É imparcial aquela persoa ecuánime e obxectiva, que actúa na procura da verdade. Aquela persoa respectable que quere para si e para os demais unha sociedade xusta e asentada no principio da igualdade, sen favoritismos e recoñecendo que cadaquén ten que defender os seus dereitos e cumprir coas súas obrigas. Para a imparcialidade sobran tódolos prexuízos. Hai que mirar, escoitar e falar con normalidade, con sosego e defendendo sempre a autenticidade e a veracidade.
A sociedade en xeral e cada un dos seus integrantes ten que esixir honestidade ás persoas que ocupan postos de mando, na política, en calquera das institucións, na empresa ou nos sindicatos. E todos saben (sabemos) que esta honestidade é conveniente en todos os sectores, pero de modo moi especial na xustiza, na administración pública e nos medios de comunicación. Que sería deste xornal, se puidera alguén acusalo de parcial? Que sería?
Os medios de comunicación, e os traballadores dos mesmos, saben que a súa reputación é a forza que posúen para desenvolver correctamente a tarefa de informar, de contar os acontecementos conforme á realidade, guste ou non guste. Ao poder moitas veces non lle gusta a realidade e, en vez de modificala, pretenden ocultala, tapala ou esfumala.
Onde están os inimigos da imparcialidade? Moitos pensan que un deles é a sen razón da política dos oportunistas, dos partidos oportunistas, dos políticos oportunistas e dos perversos argumentos diarios dos argumentadores asalariados. A ideoloxía e o pensamento de cada persoa pode dificultar a imparcialidade, pero nunca debe erradicar os principios da honestidade, da honradez e da lealdade.
Cadaquén ten a súa opinión e a confrontación poida que achegue unha visión máis ampla, máis completa e máis real da situación. A Tía Manuela entende que é posible defender cada un o seu pensamento e respectar o pensar dos outros, daqueles que pensan por si, sen a influencia dos argumentadores e asesores que “viven do conto”, que esaxeran os erros dos adversarios, que miran para o embigo e non ven nada fóra do seu arredor. A don José Félix Tezanos Tortajada, onde consideran que debemos situalo? Podería ser un dos fabricantes de argumentos matinais? Quen sabe!
