“En Galicia hai traballo”
Este semella ser o destaque máis común da Xunta de Galiza cando ofrece información para acceder a un emprego ou valorar a situación. O realmente transcendente non é que se gabe do que seica ten feito sobre o tema, o problema é que na caracterización na situación prima idea de que non traballa quen non quere, o que está moi lonxe da realidade. A oferta é escasa, como reflicten as estatísticas, ou sexa, os/as 120 mil desempregados, ao que se suma a mocidade galega que emigra cada ano por milleiros (non por descoñecemento do medio no que vive). Esta sangría non se compensa coa chegada de inmigrantes por máis alta que sexa, porque implica a perda de persoas moi preparadas e en idade reprodutiva, e xa integradas na sociedade galega. Ademais, non se pode esquecer que a metade das familias inmigrantes están por debaixo do chanzo da pobreza. Ulo as políticas de integración social e igualdade?...
Gabase a operacións retorno, que na práctica no caso galego alenta a inmigración de fillos/as e netos/as de galegos/as. A solicitude de importar man de obra é unha iniciativa do capital en todos os países centrais, até que non a dá controlado, e tamén da patronal española, daquela que o empresariado na Galiza dea a voz alarma porque non hai solicitantes para 12.000 postos de traballo, ignorando a calidade do emprego ofrecido (salarios, xornada, lugar...). Esta iniciativa tamén obvia que moito do traballo que se ofrece é temporal (aínda que sexa fixo descontinuo) ou a tempo parcial, ou que en moitos casos non se pagan as horas extras (ou parte delas) e/ou a seguridade social que corresponde. Non son cuestións menores, e amosan as contradicións entre unha taxa de paro tan alta e postos de traballo sen cubrir. A patronal acompaña súa campaña reivindicativa cunha permanente esixencia de rebaixa de impostos.
Neste último aspecto pouco se di de que unha boa parte dos impostos van aos servizos básicos, mais tamén a infraestruturas, esenciais para as empresas, así como a dar apoio a iniciativas da patronal, iso si, especialmente do capitalismo máis concentrado. Sei que hai excepcións e a esta análise, mais son uns poucos casos, que non mudan a análise xeral do papel subalterno na escada de valor da Galiza. E, a minoría non poden servir para fixar unha tendencia xeral que marque as políticas en materia laboral, esquecendo aspectos esenciais. Por exemplo, que a exportación de capital multiplica varias veces o investimento exterior na Galiza, co que iso implica no desenvolvemento da nosa nación e na calidade e cantidade do emprego.
