Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

SPara Quique Calvete, o gran valedor, que foi, do Dépor feminino

Había tempo que tiña en mente escribir unha columna sobre o tema, mais que, como non era urxente, se foi demorando ata hoxe. Foi a lectura de “Amor y fútbol”, aparecido na revista Mujer hoy de onte sábado, unha -para min do máis interesante- entrevista ás xogadoras Merel van Dongen e Ana Romero -xa retirada- o que me moveu a non deixar pasar máis semanas sen facelo. Non é, desde logo, a primeira vez -supoño que tamén non será a última- que me achego ao tema nestas páxinas. O xoves, mentres vía o xogo de Athenea del Castillo, no enfrontamento de semifinais da supercopa entre o Real Madrid e o Barça, lembraba o artigo que hai 3 anos lle dedicara, despois de quedar admirado do seu pundonor e loita no partido de copa en que aquel excelente Deportivo -hoxe bastante cativo, por esas cousas da xestión, ou do querer- eliminara o Valencia da Copa da Raíña, cun contundente 7-2 en Riazor. Merel van Dongen e Ana Romero, “Willy”, namoraron en 2016, cando ambas xogaban no Ajax. No 2018 ficharon polo Betis. En 2020, a neerlandesa pasou ao Atlético de Madrid -onde segue- e a sevillana retirouse para exercer como médica nun hospital madrileño. Non adoitamos ler ou escoitar cousas como que “Las futbolistas hemos tenido la valentía o la libertad de decir que nos hemos enamorado de una mujer”, nun contexto no que é bastante habitual que se diga que todas as que nos dedicamos ao fútbol “somos lesbianas”. Algo que ten de verdade tanto como dicir que todos os futbolistas son heterosexuais. Porque, como en todas as profesións, hai de todo. Mais, fronte á clara definición das mulleres, no fútbol masculino seguen agardando a que “un futbolista importante dé el paso y se presente ante el mundo”, para quebrar o hermetismo, o tabú, a presión social. Como non teño maior interese -e menos morboso- en coñecer os nomes dos xogadores, ou xogadoras, homosexuais, non foi este aspecto o que máis me interesou da entrevista, senón os comentarios -que comparto plenamente- a respecto de cousas sobre as que teño reflexionado en ocasións. Coincido en que o da escolla de Qatar para celebrar un campionato mundial de fútbol masculino “fue una mala idea”, que levou a sacrificar “valores y principios en los que creemos”, xa que o único que importou foi o diñeiro, no dicir de Ana Romero. Quen manifesta, ademais, que o que tiña que ter feito a selección española foi dicir que non participaba, cando se prohibiu que os capitáns levasen brazaletes co arco da vella, o que dixen eu para min nese momento. Ou que tería pasado de se celebrar alí -algo a todas luces imposible- o campionato feminino? “¿Me habrían metido en la cárcel por ir a la grada a besar a mi pareja después de un partido?, pregúntase van Dongen. Tamén estou de acordo -e sobre iso hei volver outro día- co do “crédito ilimitado”, que semella ter o seleccionador feminino -fronte ás non renovacións dos da masculina-, ou co do tratamento dado pola prensa ás mellores xogadoras -”niñatas caprichosas-, que contrasta co dado aos xogadores en casos similares, v.g. os do Real Madrid con Mourinho.

Hai máis. Léano se poden. e vexan hoxe ás 12 a final da Supercopa. Pagará a pena.