Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Facer fotos dentro dunha igrexa

Se quixéramos faceren fotos no interior dunha igrexa, debemos suxeitarnos a unha serie de normas que a Vicaria Xeral ditou e publicou o pasado mes de abril, unhas normas que complican un pouco a xestión polo meticuloso dos requisitos. Ben está que non se tome un templo polo pito dun sereno, pero de ai a poñer unha serie de normas que en certo modo desaniman a emprenderen a encomenda hai un camiño.

Na maioría dos casos atopámonos diante dun BIC e os requisitos, de existiren, deberan simplificarse, pois un ben de interese cultural non é só patrimonio dunha institución e si forma parte do que poderíamos chamar interese público. Camiñar por sendeiros administrativos para quen desexe fotografar o interior dun recinto relixioso desalenta un pouco, abofé.

No derradeiro estudio dos chamados bens inmatriculados, e dicir, de aqueles que a igrexa acolleu no seu seno grazas a unha permisiva norma do goberno de Aznar no 98, a Conferencia Episcopal recoñece que case trescentos non lle pertencen, entre eles 26 igrexas, 19 cemiterios, 17 ermidas, 3 capelas e un convento. Outros si son propiedade da igrexa e a iso haberá que aterse.

É ben certo que un propietario debe velar pola integridade da súa propiedade, corrixindo as deficiencias estruturais e invertendo nela o que fose preciso para a súa axeitada conservación, pero a igrexa, esgrimindo a súa ancestral pobreza, no caso de repararen as súas propiedades, recorre sempre ao erario público e rematamos todos sendo os “paganos” das reformas estruturais dos templos, capelas e seos. Así é frecuente observar en público os orzamentos que a veces se elevan a centos de miles de euros que parten en esencia do Estado, e dicir, de todos nós. Ben está que isto sexa así cando se trata dun Ben de Interese Cultural que en boa lóxica non convén deixar perder, pero nestes casos a cidadanía pasaría a ser usufrutuaria dese ben cultural e a desfrutar del malia que a igrexa sexa a encargada da súa custodia. E fotografar no seu interior sempre e cando quen faga as fotos non interrompa ningún acto relixioso que teña lugar no interior, e dispor de horario de visita fora das misas e outras actividades relixiosas: eu que son apaixonado do románico non puiden visitar igrexas e capelas en Zamora porque estaban pechadas e tiven que ir en Semana Santa, non para ver procesións senón para poder entrar nelas. Por certo puiden facer fotos sen necesidade de recorrer á burocracia dos permisos ”pertinentes”. E por iso non tremeron os cimentos da igrexa, abofé.