Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Chamoume a atención e ao tempo fíxome moita graza cando escoitei a un comentarista deportivo que fora xogador de fútbol botar man desta frase referíndose á reacción do equipo do Real Madrid logo de estar nunha situación límite, case propicio a sucumbir: ¡Espertou a besta! Podemos imaxinarmos ao Real Madrid no centro do ring, cego, case inconsciente , a piques de derrubarse despois de recibir un certeiro golpe do seu adversario e escoitando o clamor dos miles de seareiros no seu estadio que lle gritan: ¡érguete, imos, érguete! E coma de un milagre se tratara o Madrid case morto ergueuse e...andou, foise sobre o Manchester City e con tesón e tres golpes certeiros dou co seu contrincante na lona no último asalto. Ata aquí o épico deste asunto. Os moi informados din que estas cousas forman parte do ADN do Real Madrid, e pode ser.

Isto do fútbol é un fenómeno de masas difícil de explicar coa que caeu e está caendo, ou explícase ben mesmamente por iso. Os sociólogos saben ata que punto estamos afeitos a formarmos parte dunha paixón colectiva seguindo a un equipo cuxas vitorias semellan conquistas, provocando bágoas de alegría nas vitorias e mesmo tamén pola amargura da derrota: o caso é chegar á emoción, a abrir a válvula das frustracións que nos abafan e sacalas fora, no campo de fútbol, onde podemos perder a compostura sen sabermos ao final se somos tal como se nos ve de exaltados nas gradas ou de reprimidos fora delas. Mirade por onde o fútbol pasa a ser unha ferramenta de descarga psicolóxica.

Esta semana tocou a fazaña do Real Madrid e as outras cousas fican aparcadas, como por exemplo a espionaxe á que someteron dende “Pegasus” a unha serie de persoeiros entre os que se atopan un presidente dunha comunidade autónoma, o presidente do Goberno e a ministra de Defensa. ¿con que propósito? ¿por encargo de quen? Nada, cousas nimias diante da fazaña do Madrid que o levará ao Parque dos Príncipes de París, ¡aí e nada! a xogarse o orgullo nacional diante dun equipo da “Pérfida Albión” como dun xeito pexorativo definía a Inglaterra o lembrado locutor deportivo Enrique Mariñas cando o Real Madrid se paseaba por Europa gañando copas de ídem.

Confeso que o fútbol me interesa menos do que outrora me interesou. Véxoo, e desfruto cando se xoga ben, pero podo prescindir del sen que iso me ocasione un trauma. Se non teño que faceres outra cousa o mesmo vexo a final de París o dia 28, pero se perde o Madrid, teño a certeza de que durmirei tranquilo.