Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Interésanos realmente que aos demais lles vaia mellor? Poderíamolo discutir porque somos individulistas e ollamos máis para o “ande eu quente...” que para o “agrupémonos todos abeirados á calor”. Se todos pensásemos en todos outro galo nos cantaría, se todos fósemos un pouco máis sensibles co que vemos ao noso derredor, se fósemos un pouco máis solidarios as cousas irían mellor, pero a condición do ser humano non vai por ese camiño pois mostras hai dabondo do pouco que nos apoiamos mutuamente. Póñolles un exemplo, verán: o outro día íamos a aparcar o coche ao aire libre nun espazo amplo onde, cousa non moi frecuente, había suficientes prazas; nestas que diante do coche aparecen dous “gorrillas” que axitando sendas varas indicaban un que fósemos a esquerda e o outro á dereita, ambos os dous a pouco más dun metro de distancia nun espazo superior a unha hectárea. E baixamos do coche coa liorta xa montada entre eles co argumento de estaren invadindo territorios que crían propios, privados. Non lle dea nada a este, porque está ocupando o meu sitio!!, berraba un namentre o outro defendía tamén a súa posición. Pero home, a ver: non sería mellor que vos situárades cada un nos extremos da praza ou chegado o caso reapartir coche alternativamente? díxenlles intentando calmar os ánimos. Que va! Non lle dea nada a este! repetía o que aparentaba estar máis afectado e fóronse axitando as varas no ar sen que a cousa chegase a maiores. Pensei que se isto ocorre entre xente da mesma condición, cómo vai ser mellor entre aqueles que máis teñen respecto aos que apenas posúen nada? Vexamos: hai un señor, á sazón gobernador do Banco de España cuxo salario supera os 14.000 euros mensuais que non tivo reparo en declarar que subir o salario mínimo carrexaría efectos secundarios prexudiciais para o emprego e xa que logo para a economía de España. Está claro: salarios precarios igual a maior beneficio para os pagadores. Os máis ricos defenden o seu territorio como os “gorrillas” do aparcadoiro case co mesmo argumento: non lle deamos nada a eses!

O contencioso dos “gorrillas” nun equilibrio de forzas, puido rematar a paus, pero os bancos e as grandes fortunas parecen ter a tixola polo mango e ditan a súa lei. Para que haxa ricos, moi ricos, ten que haber moitísimos máis pobres e moi pobres traballando para eles. É como unha inexoráble lei de vida que ninguha ciencia política foi capaz de variar e así segue a xirar o mundo.

Ben está desexar felicidade pero acceder a un traballo e mellorar as condicións dos que traballan sería un paso para chegaren a tocala coa man. Razón tiñan Les Luthiers cando dicían aquilo de: o diñeiro non fai a felicidade, a compra feita! O primeiro artigo da compra sería a cobertura das necesidades básicas para os menos favorecidos e iso, créanme. non sería moito pedir.