Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Dar pulo á barbarie mata o futuro

A historia da humanidade está ateigada de actos de barbarie, por exemplo nun conflito político e militar cando se realiza coa finalidade non só de vencer senón de dar unha lección de poder que perdure no sub-consciente durante séculos, daquel que se considera como inimigo. Daquela o terror que debe causar pola sua intensidade e extensión. Isto é o que anuncia Netanyahú e algúns dos seus ministros, da ultradereita do governo, en relación con Hamás e outras milicias da rexión. Mais na práctica coidan que para sexa máis efectivo hai que aplicalo sobre toda a povoación palestina.

Isto tamén o fixo a Alemaña nazi masacrando a boa parte do povo xudeu e aos militantes do Partido Comunista, así como a moreas de civís nos países ocupados, moi especialmente na Unión Soviética. Ademais aplicouse por Xapón nas zonas conquistadas, entre outras en China e Corea, e tamén ao remate da guerra mundial, cunha necesidade que moitos historiadores cuestionan, por Estados Unidos lanzando bombas atómicas en Nagasaki e Hiroxima que causaron unhas 250.000 mortes.

Son feitos históricos de barbarie, verdadeiros xenocidios, por exemplo o dos xudeus, aínda que é difícil fixar un límite entre ambos termos, se temos en conta á cantidade de persoas afectadas e a finalidade: causar terror na povoación ou parte dela para que acepte submisamente a orde estabelecida no ámbito interno e/ou internacional. Temos feitos máis próximos no tempo, o xenocidio da oposición de esquerda na Arxentina, Chile, Brasil e Uruguai... ou os masivos bombardeos sobre Iraq que deixaron 900.000 mortos coa falsa escusa de que este país tiña armas de destrución masiva. Menos argumentos houbo en relación con Libia.

A historia esta chea de actos de barbarie, todos eles condenábeis, como as mortes de civís na incursión de Hamás nas áreas limítrofes de Israel. Mais esta acción non pode xustificar o bloqueo de Gaza (máis de 2 millóns de Habitantes), impedindo a chegada de auga, electricidade  e alimentos, así como o constante bombardeo, convertendo aos civís en obxectivo,... Non se pode ignorar que van setenta anos de represión e desprazamento forzado dos palestinos. Non se pode obviar que hai milleiros de persoas detidas, mesmo menores de idade, e que as condicións de vida en Cisxordania e Gaza, especialmente esta última, son as dun campo de concentración, onde a pobreza abrangue un 60% dos habitantes. Este conflito non se soluciona con máis terror, senón con acordos de paz e convivencia, comezando polo alto ao fogo e o recoñecemento do Estado Palestino.