Chega no seu tempo
Todo ten o seu aquel e cando vén o tempo da vendima a xente traballa seguido e anda leda para coller as uvas das videiras, para apañar o froito con incerteza, con apuro e con traballo. Uns contratan a outros e todos traballan, desfrutan, cortan, carrexan, cobran, comen e dormen. Os vendimadores van dun lugar a outro sen preocuparse pola distancia. Van cantando e volven aturuxando, contentos polo traballo realizado e convencidos de que para o vindeiro ano hai que repetir temporada.
Moitos son profesionais, son dos que lles gusta a froita e andan nela, na Galicia do viño, no Bierzo do viño, das cereixas e do que se poida. Andan por Burdeos, pola Borgoña, por Champaña ou por Provenza; achéganse á zona alemá do Rin, volven a Portugal do Douro e vendiman no Ribeiro de Ourense, en Monterrei, na Ribeira Sacara, no Salnés, en Zamora, na Rioxa ou nas leiras de Valdepeñas. Onde haxa traballo, hai xente para traballar, disposta para rematar a faena, andar de festa e, se é o caso, volver para o ano que vén.
Cada lugar, ao rematar a vendima, ten a obriga de facer o albaroque, a corrobra, que debe durar un par de días, con música, baile, viño vello e outras bebidas. Alí, nesa festa participarán todos os do lugar e os que se achegan de fóra. Son festas para desfrutar e gastar algo do pouco recadado. Todos os participantes poñen o seu maxín e toda a súa intención esperanzada na vindeira tempada.
Aquí, en Galicia, a vendima recórdana os vendimadores como un traballo colectivo e unha festa, como un ritual amparado nas cores verdes, nos morados e dourados das vides e das uvas. Era o remate satisfactorio dun esforzo enorme de todo o ano pasado. A culminación dun ciclo e o principio do seguinte. A vendima é un traballo que evidencia a relación dos galegos do rural co medio ambiente e coa terra, coa súa (e a nosa) terra.
Tamén é memoria. A vendima ampárase na tradición e no saber facer dos pasados, dos avós e dos veciños maiores. É como un elo que une xeracións, mundos e culturas. É un traballo colectivo, de cooperación e, efectivamente, en roga faise máis divertido e livián. Un traballo obrigado, saudable e mal pagado. Coas vides en bancais, nas ladeiras dos ríos, a vendima, como di a Tía Manuela, “chega sempre no seu tempo”.
