Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

A autorganización e sinónimo de desenvolvemento

Dise que as vindeiras eleccións xerais no Estado español (EE) son decisivas, en realidade sempre se dixo o mesmo de todas as que se fixeron. Aínda que os resultados teñen unha maior relevancia neste intre, nun contexto internacional tan complexo, e cunha disputa tan forte entre as grandes potencias, nas que está en xogo se a hexemonía é unipolar ou se consolida a tendencia a que as relacións de poder teñan un carácter multipolar. E neste aspecto, todo o relativo ao poder e como se exerce, ten importancia como factor determinante cal é o grao de soberanía e dependencia da nación e da clase social que analicemos, por exemplo o país galego e a clase traballadora. E isto resulta máis evidente cando temos en consideración a interrelación entre ambos conceptos e o proceso histórico, tanto na Galiza como noutros países, que hoxe ou/e no pasado estiveron sometidos á colonización, ao neocolonialismo, ou calquera tipo de rol subalterno malia un aparente marco legal común cos territorios que xogan un papel central.

Resulta evidente que, dado as potencialidades do noso país, seu clima e extensa costa, a perda de povoación con respecto ao centro da meseta (Madrid e contorna), con todo o que implica, non ten razóns de produtividade e moito menos relacionadas cos méritos das persoas que o habitan, senón que están vinculados ao rol económico-social que cumpre cada nacionalidade no Estado español (motivo de conquista militar nun determinado momento histórico). Por esta razón, malia ter Galiza un saldo positivo na balanza comercial, contraditoriamente exporta máis capital que ingresa e  emigra moita mocidade (cada vez máis formada). E unha e outra vez os investimentos son adiados ou non se conceden (a rede de autoestradas e ferrocarril, o corredor atlántico, as achegas dos fondos europeos para proxectos de industrialización...); en beneficio doutros territorios do EE con maior poder político.

E, como parte desta tendencia negativa dáse o feito de que a esta altura unha gran parte das empresas máis dinámicas e estratéxicas estean controladas por capital foráneo (non son só algunhas de enclave como hai dúas décadas). Ou sexa, en concreto, non existe unha menor iniciativa empresarial e social, como se pretende impoñer no relato, senón que o medre está condicionado por múltiples atrancos que nos impoñen un papel subalterno na cadea de valor, na creación de emprego, e no desenvolvemento do país.

Sen dúbida a conquista da autonomía foi cativa en competencias, e ademais fóronse perdendo por transferencias á UE ou ao EE, e tamén incidiu o proceso de globalización. Daquela a importancia do mundo multipolar e de avanzar no relato e nos obxectivos conquistando competencias plenas que nos permitan xogar un papel destacado na cadea de valor. Agora ben, para iso cómpren forzas plenamente autónomas. A autoorganización é central para o desenvolvemento, así como a mobilización e a defensa dun proxecto propio. Daquela a prioridade de organizarse en sindicatos, forzas políticas e sociais que respondan ante todo aos intereses da nación galega,... e de votar nacionalismo galego nas eleccións.