Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Nacín no medio da guerra civil, nesta vila galega, que chaman Ferrol, a carón dunha fermosa ría, que naqueles tempos proporcionaba o sustento a moita xente, que non tiña outros recursos para mata-la fame. Non era ese o caso da miña familia, xente máis de terra que mariñeira, malia que a distancia ó mar desde a nosa casa non era moita, escasamente dous quilómetros.

Fun o máis pequeno dun fato de irmáns. Algúns morreron antes de eu vir a este mundo. Entre os que coñecín, había un rapaz maior, dous rapaces xemelgos e unha rapaza máis nova, que eran froito do primeiro matrimonio do meu pai; a nai morrera moi nova, cando os xemelgos e a nena aínda eran pequenos. Tamén había dúas rapazas, as máis maiores, que xa estaban casadas e con fillos cando eu nacín, e que eran froito do primeiro matrimonio da miña nai, quen quedou viúva tamén moi xove. E despois estabamos o Anxo e máis eu, que eramos fillos do matrimonio serodio dos dous viuvos.

O meu pai, A. V. E. nun principio traballaba en “El Correo Gallego” como caixista de imprenta, pero houbo de deixar ese traballo, pois o manexo dos “tipos” de chumbo afectaban moito á súa saúde, por mor da asma bronquial que padecía. Despois dalgún outro traballo, contratouno o Rácing, un equipo de fútbol da Vila, do que fora xogador e un dos seus fundadores, para encargado do material deportivo, traballo no que non durou moito, pois o Rácing pasaba moitos apuros económicos e o soldo ademais de escaso non era moi seguro e xa que logo, como aquel choio non tiña moito porvir, presentouse a un concurso do Concello, para unha praza de Conserxe na Casa de Socorros da Vila e gañou a proba, pasando a formar parte dos funcionarios municipais.

Aínda que o soldo non era moito, pois era un servizo de 24 horas diarias, tiña a compensación da vivenda, situada enriba da consulta, que foi onde eu nacín.

Como era un home interesado pola cultura e a política, entrou no partido socialista e por mor da súa pequena cultura, pronto foi nomeado secretario de actas. Estas circunstancias houberon de lle custar a vida, pois durante a salvaxe represión dos anos da guerra civil, tivérono como candidato ao “paseo”, por estar afiliado á UXT e por ser “do clan de Quintanilla”, coñecido médico, excelente persoa, que fora alcalde da vila, e que fusilaron pola súa militancia socialista.

Avisado por un amigo de que nos “círculos represores” se falaba del, durante varios meses, nas urxencias nocturnas, baixaba a abrir a porta, vestido soamente co seu mandilón de conserxe e unhas zapatillas, contando que o viñan buscar.

Por sorte, era moi coñecido por ser fundador do Rácing, e a intervención de certas persoas, fixo posible que o borraran da “lista negra”, pero non puido conservar o seu traballo de funcionario público, nin a casa onde nacín - que pertencía ao Concello - xa que foi expulsado por “roxo”, atopándose na rúa, sen teito onde acubillar á familia, nin emprego onde gañar o pan, pois ademais da escaseza de traballo, os que podían ofrecelo tiñan moito medo a relacionarse coa xente “marcada”. Os primeiros meses refuxiámonos na casa duns parentes e despois nunha vivenda humilde nos arredores da vila, no rueiro do “Inferniño”, preto do campo de fútbol, onde o meu pai volveu a traballar como encargado de material do equipo do seus amores. Ser conserxe do Rácing, non era unha bicoca, pois o xornal era escaso e o traballo abondoso, mais non había moito onde escoller e, deste xeito, malia tódalas dificultades, conseguiu mante-la familia unida, non sendo a miña irmá máis nova, que quedou a vivir cos parentes, de xeito que perdín todo contacto con ela e, practicamente non a coñecín ata que fun maior.

A miña nai, “cosía de munición”, o que quería dicir que traballaba como costureira en “Casa Caballo”, facendo uniformes para as forzas armadas; e como tiña certa facilidade de palabra, malia a súa escasa cultura, foi elixida representante no sindicato das costureiras. A súa actividade como sindicalista tamén estivo a piques de levala ó cemiterio, pois tamén fora ameazada polas forzas represivas.

Ao parecer, daquela salvouse (salvámonos) por levarme no seu ventre, nembargante non se librou de pagar unha forte multa de 50 pesetas, das daqueles tempos, “por ser desafecta al régimen actual”, segundo constaba no recibo correspondente. Era polo mes de setembro de 1936, cando a represión era do máis violenta.

O novo sistema obrigouna a continuar como sindicalista, facéndolle o carné correspondente. No ano 1938 xa funcionaba o novo sindicato, no que se celebraban reunións periódicas. A “camarada” Z. R. E. (miña nai) non quería asistir a esas reunións, o que lle ocasionou algún problema. En maio dese ano, a Delegada Sindical, nunha segunda citación - porque faltou á primeira cita - ameazábaa claramente: “... en caso de no acudir se atendrá a las consecuencias y obraremos conforme mandan las leyes, dando conocimiento de sus ideas al Sr. Delegado de Orden Público.”

Aínda que a nosa familia non foi das máis castigadas, tivemos que lamentar a morte do home dunha das miñas tías maternas, que foi fusilado “por roxo”, como tantos outros. Por suposto, eu non cheguei a coñecelo, pero as miñas irmás, moito maiores ca min, dicían que era unha boísima persoa. Coido que os seus fillos xa morrerían todos, mais debe haber aínda en Ferrol algún neto ou bisneto. Non sei das súas actividades, pero coido que debía ser sindicalista ou algo así.

Tamén outra das miñas tías, foi detida “por propagar bulos”, a consecuencia de algún comentario sobre o desenrolo da guerra, mais por sorte, a cousa quedou só nunha multa e unha forte reprimenda; e un tío materno meu, da Maestranza da Armada, embarcado no Miguel de Cervantes, puido fuxir a Arxelia, despois de xogar un papel importante nese buque, nos comezos da sublevación, sendo un dos tripulantes leais á República, encargados de deter ao comandante do navío, que se dispoñía a pasarse ó bando franquista.

Entre as cousas que gardo na miña memoria, salienta a fame que pasaba a xente, e en especial a que pasabamos os nenos. A falta de pan era o problema máis angustioso, xa que ademais da fame dos pequerrechos, engadía o sufrimento das nais, que non tiñan un pedazo de boroa que lles dar os seus pequenos.

Como se pode adiviñar, os comezos da miña vida non foron aló moi prometedores, pois estiven ameazado de morte antes de nacer, fun desafiuzado cando aínda non cumprira un ano e a fame e o frío foron meus asiduos compañeiros...