
Xa co curso académico en marcha, as Escolas Culturais Municipais do Padroado de Narón continúan co prazo de inscrición aberto para os interesados en formarse nalgunha das disciplinas ofertadas, que suman unha ducia. O período lectivo, neste caso, será, para a tempada 2025-26, do 1 de outubro ao 31 de maio.
A oferta cultural formativa ramifícase en distintos bloques temáticos principais, que propoñen diversas actividades segundo a idade mínima requirida.
Dentro das Escolas Tradicionais existe a posibilidade de cursar danza tradicional e, por outro lado, canto e pandeireta, a partir dos 5 anos; gaita e percusión tradicional, dende os 6 anos; acordeón e zanfona, mínimo 8 anos; construción de instrumentos, a partir de 16 anos, e O Recuncho dos Pequechos, de 3 a 4 anos.
Da mesma maneira, as Escolas Artísticas inclúen as variantes de debuxo, dende os 6 anos, e teatro, dende os 4. Por outro lado, a Escola de Fomación de Actores e Actrices ofrece o primeiro curso para persoas a partir dos 16 anos, amais do segundo nivel, o terceiro e o Practicum. Ademais, outra modalidade son os bailes de salón, divididos no curso homónimo, baile deportivo, caribeños e danza coreográfica.
Tal e como lembrou a alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, as persoas interesadas en apuntarse deberán realizar os trámites nas oficinas do Pazo, como máximo até o 20 de setembro, de luns a venres (de 9.00 a 13.30 e de 17.00 a 19.00 horas) ou os sábados (de 10.00 a 13.00). Os prezos de cada curso establécense na ordenanza fiscal vixente da entidade organizadora.