
O período de matrícula para as prazas vacantes da Escola Oficial de Idiomas de Ferrol está aberto, dende finais de agosto, até as 23.59 horas do venres 19. As persoas que, antes do inicio das clases o vindeiro luns, desexen achegarse á sede principal, xa que o centro tamén conta con delegacións nas vilas das Pontes e Cedeira, aínda están a tempo de participar na derradeira xornada de portas abertas, que terá lugar este mesmo xoves.
Entre as 10.00 e as 11.00 e das 17.00 ás 18.00, a directora impartirá dúas conferencias no salón de actos das instalacións centrais para presentar a escola e os estudos que alí se imparten.
Ao remate destas intervencións, ás 11.00 e ás 18.00, os departamentos de español, francés, galego, italiano e portugués organizaron actividades de diverso tipo para distintos niveis. Respectivamente, realizarase un xogo, presentación con visita guiada, charla e as sesións “Conosciamo l’Italia”, “Italiano con le canzoni” e “Conhecermos a Lusofonia”. Ademais, a sección de alemán só convoca a cita da tarde (presentación e visita guiada) e a de inglés engade á da mañá (na que se ofrecerá unha clase de mostra) outros dous horarios: ás 11.30 e ás 19.00 (para os obradoiros “Pronunciation Tips”).