Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Ferrol

Santa Icía celebra as súas festas patronais

Desde 2019, un grupo de veciños da parroquia de Santa Icía son os encargados da organización das festas patronais. Houbo un parón entre 2020 e 2022 e ao ano seguinte a mesma comisión, con algúns integrantes menos, fíxose de novo cargo da preparación das festas, que son da parroquia, como se encargan de matizar, e non do barrio, xa que abarcan tanto a zona rural como a urbana de Santa Icía, e mesmo entre dous concellos, Narón e Ferrol, xa que hai parte en cada un dos municipios.

A comisión actual, formada por cinco persoas e varias da mesma familia, anuncia xa que este será o seu último ano da organización, porque, como explica Begoña, unha das súas integrantes, “é complicado compaxinar a vida familiar coa organización, queremos descansar pero non é un punto final senón á parte e por iso animamos a gozar a outra xente desta experiencia alomenos unha vez na vida, porque aínda que dá moito traballo  é un orgullo ver disfrutar aos demais e a nós mesmos”.

A preparación dos festexos comeza pouco despóis de rematar os anteriores e así Begoña explica que os grupos e orquestras hai que collelos con previsión. En Santa Icía non contratan ás grandes orquestras que pasaron por festas doutros barrios porque, indican desde a Comisión, “financiámonos basicamente cos cartos dos veciños e dos negocios, sobre todo os pequenos. Neste sentido, hai que dicir que a colaboración é marabillosa, tanto a nivel individual como de establecementos e contamos tamén nestes tres días de festas con moitísima xente detrás, prestando apoio”.

Pese a isto, saben que será difícil contar con outra comisión “porque é un traballo duro e se te comprometes hai que cumprir. Recibes cartos de donacións e hai que invertilos integramente para a realización dos festexos, hai que ser serio e é moito traballo”.

Aínda que económicamente non reciben cartos das administracións, desde a Comisión síntense arropados por elas. Explican deste xeito que “poñen a limpeza, os contedores, cortes de campos, alerta do Speis e todo o acompañamento da Policía local de Ferrol na procesión, entre outras cousas; ademais, como é necesario un plan de prevención, calquera dúbida nola solucionan ao momento”.

Este apoio e o da veciñanza foi crecendo dende que esta Comisión de festas se fixo cargo da organización e así o confirma Begoña que indica que “desde o 2019 ata agora a colaboración foi en aumento, porque si van vendo que es honrado e fas as cousas ben nótase máis apoio, dos veciños, dos pequenos negocios. Por iso hai que mercar na zona, porque se o pequeno comercio morre, tamén o fai a parroquia”. A Comisión lembra precisamente a xente da parroquia que morreu neste ano e polos que nestas festas votarán unha peza.

Medidas de tráfico e estacionamento para os días de celebracións

Aínda que as festas non comezan ata o venres, as atraccións xa van chegando a Santa Icía estes días e xa se preparan dende o Concello medidas de seguridade para evitar o acceso dos coches particulares á zona. Estas restricións funcionarán a partir do venres 5 de setembro.

A Comisión de Festas explica que se reordenará o tráfico nos arredores do campo da festa, polo que piden á veciñanza que se respeten os sinais e as vallas que se coloquen. Mostran o seu agradecemento ao Concello de Narón e Bombeiros do Speis por estar en alerta así como ao hospital e centro de saúde de referencia, entre outros colaboradores e empresas.