
Profesionais de moi diferentes ámbitos da Área Sanitaria de Ferrol realizaron onte, conxuntamente con membros da Federación Alcer Coruña, un acto distinto e especial co gallo do Día Mundial do Ril, que se conmemora cada segundo xoves de marzo. Todos xuntos crearon uns riles xigantes no chan do hospital Arquitecto Marcide para concienciar sobre a importancia do coidado destes órganos.
Un ano máis o obxectivo deste tipo de accións foi o de sensibilizar sobre a saúde renal. Deste xeito, persoal de enfermaría e facultativo do Servizo de Nefroloxía, da dirección da Área Sanitaria de Ferrol, da subdirección de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía, así como integrantes de moi diferentes departamentos sanitarios e non sanitarios do complexo uníronse a este acto.
Entre outros moitos, e xunto coa pancarta informativa que se fixo para a ocasión, estiveron presentes na acción o xerente da Área Sanitaria, Ángel Facio Villanueva; o subdirector de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía, Juan Manuel González Lorenzo; e o responsable de Nefroloxía do CHUF, Pablo Bouza Piñeiro, xunto cos representantes de Alcer Coruña, co presidente Rafael Rodríguez á cabeza. Canda Rodríguez estivo tamén a traballadora social Ángela Breijo e os voluntarios Gumersindo González, Montse Moreda e José Prieto.
A insuficiencia renal é a alteración da función do ril, que limita a capacidade de eliminación dos refugallos do organismo. A clave para evitar estes problemas non é outra que a prevención, como subliñaron os profesionais sanitarios. Cómpre resaltar que máis da metade das consultas por Enfermidade Renal Crónica (ERC) teñen a súa orixe en doenzas evitables como poden ser a diabetes e a hipertensión. Esta patoloxía ten un carácter progresivo e un desenvolvemento gradual que pasa por distintos estadios. O importante é previla ou, cando menos, detectala en fases iniciais para evitar a súa progresión. Para conseguilo poden levarse a cabo diferentes accións, non por básicas menos importantes: exercicio físico a todas as idades, evitar o sobrepeso, dieta sa con restrición de consumo de sal e graxas saturadas, non fumar e limitar o consumo de alcohol.
Servizo de Nefroloxía
Na Área Sanitaria ferrolá un total de 30 novos pacientes iniciaron ao longo do ano pasado o proceso de diálise. Así mesmo, se realizaron un total de 3.114 consultas externas en Nefroloxía. Desde a Área Sanitaria destacan que a atención ás enfermidades do ril recae neste servizo, que ten como misión a atención aos pacientes con patoloxía renal, tanto aguda como crónica, ao longo dos diferentes estadios. Un total de seis facultativos e especialistas e catorce profesionais da enfermaría, entre diálise e consulta, se encargan do servizo, xunto co persoal de hospitalización e o apoio de profesionais dos centros de saúde.
Lembran desde a Área Sanitaria que Nefroloxía abrangue a hospitalización, as consultas externas e a hemodiálise de crónicos e agudos. No caso de hemodiálise, cóntase coa tecnoloxía máis avanzada dispoñible para a terapia renal substitutiva. Disponse, así mesmo, dunha máquina portátil para a hemodiálise domiciliaria que favorece a rehabilitación social e laboral do enfermo e, ademais, simplifica moito o tratamento, como apuntan desde o Sergas.
Por outra banda, nas consultas externas abórdase a nefroloxía xeral contando con tres consultas monográficas para as enfermidades denominadas glomerulares e sistémicas, as renais hereditarias e a renal crónica. Na consulta de enfermidades hereditarias abórdase a que ten unha compoñente xenética. Neste campo é onde máis avances se teñen producido, segundo subliñan desde a Área Sanitaria.
Por outra banda, a xornada de onte tamén contou con mesas informativas en diferentes puntos do territorio. En Ferrol situouse unha no Carrefour. Nestes espazos fixéronse medicións da glucemia e da tensión a todas as persoas que se achegaron ata o espazo. A acción contou coa colaboración de alumnos da Univesidade da Coruña e da de Santiago de Compostela. Ademais fixéronse fotos homenaxe no CHUF e no Juan Cardona.











