Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Ferrol

A festa dos “10 anos nas marxes” de Cuerda Floja trae tres concertos e un oco para a foliada

O local de Cuerda Floja vivirá este mesmo sábado unha das xornadas máis movidas da súa historia, nada menos que coa razón de conmemorar o seu décimo aniversario como entidade referente na dinamización cultural da cidade de Ferrol, alén de constituír un dos establecementos de hostalaría máis icónicos da contorna pola súa ambientación cinematográfica.

A oferta de proxeccións e outro tipo de encontros son parte da esencia do local, pero sobre todo destaca a frecuencia dos concertos, propostas que levan meses sen programar por un parón derivado do cambio na normativa municipal sobre ruídos.

Non obstante, a música en directo regresa agora ao establecemento con motivo deses “10 anos nas marxes”, que Cuerda Floja comezará a festexar xa nunha sesión vermú, a partir da 13.00 horas, a cargo da Corral Poliafónica do Aturuxo de Melpómene. Esta formación, composta por arredor dunha ducia de voces acompañadas da guitarra de Carlos Mosquera “Mos”, cambia a letra de grandes éxitos da historia e dálles unha volta cómica.

Ás 16.30 horas será a quenda do trío de folk creativo Arroás, composto polos músicos Carlos A. Quirós, Daniel Sisto e Bernardo Máiz, que este ano lanzaron o seu primeiro traballo, “Trasancos”.

Xusto antes da última actuación, do cantautor australiano Matt Boylan-Smith, a partir das 18.00 deixarase espazo para unha das xa típicas foliadas libres de Cuerda Floja, despois de que o ano pasado se instaurara a tradición de desenvolver estes encontros populares galegos.