
A dous días de ter estreado o curso, as ANPAs dos colexios ferroláns Juan de Lángara e San Xoán de Filgueira puxéronse de acordo para demandar a praza de mestre especialista en Pedagoxía Terapéutica, que xa ten confirmada a súa eliminación para este período de 2025-2026. Esta alianza vén de producirse pola particularidade de que dito posto de traballo xa era compartido entre ambos dende o 2021-2022, unha causa para a que amosaron o seu apoio Ferrol en Común e BNG.
Dende o partido nacionalista aproveitan esta reivindicación dun recurso esencial para atender ao alumnado con necesidades especiais, para esixir ao goberno local que se convoque “á maior brevidade posíbel o Consello Escolar Municipal para avaliar o estado dos centros educativos diante do inicio do curso, valorar as súas demandas e canalizar as súas reivindicacións diante das administracións correspondentes”.
Do mesmo xeito, dende Ferrol en Común especificaron a intención de participar “nas xustas reivindicacións así como nas medidas de protesta e mobilizacións que se poidan levar a cabo por parte das ANPAs destes dous centros, e asemade, solicitamos a reposición inmediata da praza suprimida porque cremos que ante todo debe prevalecer o sentido común e a xustiza social”.