
O Concello de Ferrol e o Campus Industrial deron a benvida este mércores aos preto de 60 estudantes estranxeiros e de mobilidade nacional que veñen estudar neste primeiro cuadrimestre na área universitaria de Esteiro.
Un dos escenarios foi o salón de actos Concepción Arenal, onde Ana Ares, vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, saudou a este colectivo de 58 persoas en total, unha cifra que se verá incrementada ao longo das vindeiras semanas con máis incorporacións, tanto de alumnado como de persoal investigador. Por outro lado, deulles a benvida o tenente alcalde no Consistorio.
Este primeiro grupo procede, por unha banda, de Arxentina, Brasil, Cabo Verde, Camboia, Eslovaquia, Francia, Alemaña, Italia, República Checa, Polonia, Portugal, Lituania, Reino Unido, Corea e México.
Por outro lado, tamén se incluíu nesta primeira quenda estudantado doutros puntos do Estado, que veñen por medio do programa Sicue, promovido pola Conferencia de Rectores de las Universidades Españolas.
Os centros de destino onde estes alumnos e alumnas continuarán a súa formación, realizarán prácticas ou estadías de investigación, son as escolas Politécnica de Enxeñaría de Ferrol e de Deseño Industrial, ademais das facultades de Ciencias do Traballo, de Enfermaría e Podoloxía e de Humanidades e Documentación.