
As aulas dos centros educativos de Ferrolterra volveron á actividade o luns nun contexto de particular crispación, tal como delata a mobilización convocada a nivel autonómico xa para esta semana inaugural, o sábado en Santiago de Compostela, á que este mércores se animou a participar dende a secretaría comarcal da CIG Ensino, do mesmo xeito que coa folga xeral do xoves 25. O sindicato vén de apoiar as demandas das que deron conta o curso pasado as distintas manifestacións convocadas na contorna, polos mesmos motivos, por parte de diversas ANPAs e profesorado.
Segundo sinala Andrea Martíns, secretaria comarcal da organización sindical, as reclamacións coas que comeza o curso parten das demandas recollidas dos docentes e seguen a liña dos dous últimos anos, polo que continúan rexeitando a política da Consellería de Educación, “sobre todo, os recortes en persoal”, que repercuten nas condicións laborais e na calidade da ensinanza.
Non obstante, tamén destaca unha victoria da CIG Ensino a nivel legal, tras as manifestacións do ano pasado a respecto da existencia de “postos de traballo MEGA –que proceden do Ministerio e están destinados ao reforzo lingüístico e matemático– e profesorado cun contrato que rescindía o 30 de xuño –polo que se aforraban os meses de verán–, pero que debido aos recortes de plantilla estaban desenvolvendo funcións estruturais do centro”.
Entre os exemplos afectados, a secretaria resaltou as eivas na atención á diversidade en distintos centros. Un caso é o San Xoán de Filgueira que, dende o curso 23-24 pasou de dispor de dúas prazas de Pedagoxía Terapéutica a media compartida neste 2025, mantendo outra de Audición e Linguaxe. Pola súa parte, dende a Consellería sosteñen que “a educación galega duplicou en 15 anos o número de especialistas” neste eido. Algo semellante ocorrería no IES de Catabois onde tamén, de maneira provisional, a praza de profesor especialista en economía imparte as materias afíns de tecnoloxía e música.
“Somos unha das Comunidades que menos invirte en educación”, indica a liberada Teresa Carballido. De feito, nos tres últimos anos os orzamentos dos cadros de persoal mantéñense con 30.424 docentes, que diminúen só con respecto a un repunte illado derivado da pandemia, que acadou os 31.292 no 2021. Así, xa a primeira folga convocada, con bus dende a CIG en Esteiro ás 9.30 horas, reclama máis inversión pública galega. Ademais, o mércores 17, o sindicato organiza unha asemblea informativa sobre a folga e futuras accións.
As ANPAs do Juan de Lángara e San Xoán de Filgueira únense para recuperar a praza de Pedagoxía Terapéutica
Co inicio deste curso confirmouse a eliminación dunha praza de mestre especialista en Pedagoxía Terapéutica que compartían nos últimos anos os CEIPs Plurilingüe Juan de Lángara e San Xoán de Filgueira, “consolidando unha tendencia sostida” dende o período de 2021-22, segundo trasladan as ANPAs de ambos nun comunicado conxunto.
Estas prazas constitúen “un recurso esencial para atender o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo –NEAE–”, un perfil que precisamente atinxe a máis do 60% do estudantado do San Xoán de Filgueira, que ten necesidades especiais. No caso do Juan de Lángara, “a situación vese agravada polo feito de que a maior parte do equipo directivo nomeado dende o curso 2024-25 (dirección e xefatura de estudos) estea conformado por integrantes do departamento de orientación, coas consecuentes limitacións do tempo dispoñible”, afirman dende as ANPAs.
Ademais, a reclamación da reposición inmediata da praza e da adopción de medidas estruturais xorde nun contexto de “necesidades crecentes, cuantitativa e cualitativamente” de atencións educativas especiais e diversas.
