Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Ferrol

As obras no pavillón do CEIP de Esteiro están en marcha e acadarán todos os colexios públicos de Ferrol

Os dez CEIPs do termo municipal de Ferrol mellorarán as súas instalacións deportivas mediante un convenio subscrito entre o Concello e a Xunta, unhas actuacións para as que contan cunha achega de 44.830,98 euros en total. Entre as obras  previstas figuran as do pavillón do colexio de Esteiro, que están en proceso, polo que onte venres recibiron unha visita institucional.

Concretamente, neste polideportivo estanse substituíndo os ferros da cuberta e vaise selar a xunta de dilatación e as fendas que presenta. Así mesmo, cambiaranse as luminarias, as varandas das escaleiras e instalarase unha porta. A través do mesmo convenio tamén se actuará nos CEIPs San Xoán de Filgueira, A Laxe, Ángela Ruiz Robles, Cruceiro de Canido, Isaac Peral, Almirante Juan de Lángara, Ledicia, Pazos e de Ponzos.

O director territorial da consellería de Educación, Indalecio Cabana, desprazouse onte até o centro de Esteiro para comprobar a evolución dos traballos xunto ao alcalde, José Manuel Rey Varela, e á concelleira da área, Patricia Cons.

Segundo sinalou o rexedor durante a visita, en referencia ao acordo asinado entre Concello e Consellería, “ambas administracións temos un compromiso firme coa educación e tamén co fomento do deporte entre o alumnado”. Pola súa parte, Indalecio Cabana agradeceu esta aposta que “suma xunto coa inversión da Xunta de Galicia unha importante mellora nos pavillóns deportivos dos CEIPs”.