
A galería Art-Idea –rúa do Sol, 122– regresa a partir de este venres, ás 20.00 horas, á actividade expositiva cunha colectiva que reúne durante un mes a cinco artistas locais. Trátase dos escultores Miguel Couce e Néstor Davila –coñecido tamén por ser un dos responsables da galería Sarao da rúa Real–, o pintor Fer Patiño, a gravadista galega afincada en Asturias Lola Sui e Xabier Cano, que presentará escolma de debuxo e pintura.
A exposición é un chanzo máis dunha relación que comezou no Nadal de 2022. “Montamos xunto con Lola Sui unha galería efémera no centro da cidade e invitamos a varios artistas, entre eles, Fer Patiño”, explica Xabier Cano, o portavoz deste grupo. “A partir de aí xurdiu a idea de facer máis cousas. Esta é unha delas. Quixemos aproveitar a chegada da Semana Santa, e temos que darlle as grazas a Laura, que nos cede o espazo”.
Non hai, cando menos a nivel temático ou estilístico, un nexo entre os cinco artistas. “Nin moito menos”, comenta Cano, que, porén, si apunta a unha condición que se impuxeron como enlace entre todos eles. “Si que queriamos que fora unha exposición de obra orixinal, non queriamos montar unha tenda nin vender reproducións de obras nosas, senón que fora obra orixinal...”, sinala. Cada un deles exporá entre cinco e dez obras, engade Xabier Cano. “Montarémola o mesmo venres”, comenta, “e, dependendo do espazo, será un número ou outro”.
A exposición poderá visitarse de luns a venres entre as 11.00 e as 14.00 horas e de 16.00 a 18.45 e os sábados, desde as 10.30 até as 14.00.











