
Ao pé da centenaria magnolia de Xuvia terá lugar o vindeiro 8 de xullo unha nova edición, a cuarta, de Noites á Fresca. A diferencia de anos anteriores, o evento musical concentrarase desta volta nunha única xornada.
Comezará ás 22.30 horas coa actuación de Caldo, formación integrada por María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra). Trátase dun trío que achega a música tradicional a contextos sonoros contemporáneos a través dos instrumentos. Darán a coñecer o seu segundo álbum, “Lugar A Ponte”, unha proposta íntima, moderna e potente.
Tesouro
A continuación, sobre as 23.45 horas, será a quenda para o grupo ourensán Tesouro, integrado por Carlos Rego (vocalista e guitarrista), Daniel Alonso (baixista) e Aser Álvarez (batería). Os dous músicos, que tiñan a banda Burgas Beat, apostaron en 2019 por crear unha nova agrupación, da que tamén formou parte Alonso. A entrada aos concertos será totalmente gratuíta.
A concelleira en funcións de Festas e Turismo, Natalia Hermida, lembrou onte, na presentación do evento, que se trata dunha proposta de carácter cultural que se desenvolve nas inmediacións do tramo do Camiño Inglés onde onde se localiza a senlleira árbore. “Un espazo único e un dos máis representativos da cidade”, salientou Hermida, no que o público poderá gozar da interesante cita musical.